Sol Agra: «Co Festival Muller a Escena 2024 queremos contribuír a poñer en valor o traballo das mulleres creadoras, que son moitas no noso país»
O Festival Muller a Escena (FME), organizado pola área de Igualdade da Deputación, estrea unha nova edición que se celebrará nos concellos de Carral, en xaneiro, e de Cambre, en febreiro. A mostra, que dá relevancia ao traballo das mulleres creadoras, conta cunha programación que inclúe espectáculos teatrais, pezas audiovisuais e charlas divulgativas.
A deputada de Igualdade, Sol Agra, presentou o festival esta mañá na sede provincial. «Queremos contribuír a poñer en valor o traballo das mulleres creadoras, que son moitas no noso país, a través da perspectiva de catro artistas de diferentes disciplinas», apuntou. «Apostamos», engadiu, «por unha programación protagonizada por artistas emerxentes e outras xa consagradas para combinar diversas miradas sobre a invisibilización das mulleres en espazos artísticos".
O FME 2024 enmárcase no Plan de Igualdade da entidade provincial, que persegue a exposición e reflexión do papel da muller na sociedade «para contribuir a alcanzar un mundo máis feminista e, polo tanto, máis xusto», en palabras de Agra.