Sol Agra presentou a campaña da área de Igualdade da Deputación polo 8M 'Mulleres do pasado, semente de futuro'

Agra, durante a súa intervención polo 8, esta mañá na sede provincial
Agra, na presentación da campaña, esta mañá, na sede provincial
«Queremos visibilizar as dificultades e os logros das nosas antecesoras, nunha campaña que se enmarca na prioridade deste departamento, que é a de contribuír a acadar a igualdade real en todos os espazos da vida», salientou a deputada do BNG, que tamén puxo en valor o orzamento de 21 000 euros que a Deputación destinará este ano ao programa de subvencións a entidades sen fins de lucro para o investimento en políticas de xénero.
Sol Agra presentou a campaña da área de Igualdade da Deputación polo 8M 'Mulleres do pasado, semente de futuro'

Sol Agra presentou esta mañá na sede provincial 'Mulleres do pasado, semente de futuro', a campaña do departamento de Igualdade da Deputación polo 8M. Comezou referíndose ao obxectivo das actividades programadas, «que non pode ser outro que render homenaxe ás mulleres que, dende o anonimato, loitaron por cambiar o mundo, buscando un mellor futuro para as devanceiras xeracións, e que forman parte da historia cotiá das familias do país».

«Queremos lembrar», salientou, «as que loitaron por acadar os dereitos dos que hoxe gozamos, que non se consiguen facilmente, senon que son o froito do traballo colectivo e da coraxe de tantas; mulleres que, dende a adversidade, conseguiron fitos que hoxe consideramos tan fundamentais como poder usar pantalóns».

A campaña, explicou a titular de Igualdade, «vai máis alá de visibilizar as dificultades e os logros das nosas antecesoras e segue a liña, prioritaria para o noso departamento, de contribuír a acadar a igualdade real en todos os espazos da vida».

Ademais do acto institucional no vestíbulo da sede provincial, o 8 de marzo ás 11 horas, no que actuará Guadi Galego, a campaña terá continuidade durante todo o mes de marzo e programará actividades e difundirá material informativo entre os centros de ensino da provincia.

Subvencións

Agra referiuse tamén a concesión de subvencións a entidades sen fins de lucro para o investimento en políticas de xénero no ano 2024, que hoxe publicou o BOP. A Deputación destinará 20 973 euros, a repartir entre nove beneficiarios. «Con estas axudas contribuímos a que as entidades desenvolvan programas ou proxectos de promoción da igualdade de oportunidades entre homes e mulleres, de apoderamento e de participación social, de diagnose ou estudos en materia de igualdade ou conciliación ou de capacitación profesional».

«Tamén axudamos á posta en marcha de propostas que traballen por un tratamento integral das persoas en situación de violencia de xénero, caso de programas de intervención coas mulleres vítimas de violencia de xénero e coas súas fillas e fillos e persoas dependentes delas, ou coas mulleres vítimas de trata con fins de explotación sexual».

 

Sol Agra presentou a campaña da área de Igualdade da Deputación polo 8M 'Mulleres do pasado, semente de futuro'