Sol Agra denuncia o «xenocidio que estamos permitindo en Palestina» na entrega do XXI Premio Xornalistas de Liberdade de Prensa ao Sindicato de Xornalistas Palestinos

Intervención de Sol Agra na entrega do premio, hoxe no CGAC
Intervención de Sol Agra na entrega do premio, hoxe no CGAC
«O sindicato de prensa palestino segue loitando pola liberdade informativa, garantindo que as violacións dos dereitos humanos en Palestina sexan documentadas e difundidas en todo o mundo», dixo a deputada do BNG no acto que se celebrou esta mañá no Centro Galego de Arte Contemporánea, organizado polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia coa colaboración da área de Dereitos Civís da Deputación da Coruña, da que é titular Agra.
Sol Agra denuncia o «xenocidio que estamos permitindo en Palestina» na entrega do XXI Premio Xornalistas de Liberdade de Prensa ao Sindicato de Xornalistas Palestinos

«Este acto devolve a dignidade a unha profesión de servizo público que é imprescindíbel», afirmou Soledad Agra no comezo da súa intervención na entrega ao Sindicato de Xornalistas Palestinos do XXI Premio Xornalistas de Liberdade de Prensa, organizado polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia coa colaboración da área de Dereitos Civís da Deputación da Coruña e que se celebrou no Centro Galego de Arte Contemporánea.

Nasser Abu Baker, presidente do Sindicato de Xornalistas Palestinos, recolleu o galardón de mans da decana do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, Belén Regueira, nunha cerimonia presentada pola xornalista Ainhoa Apestegui.

«Estamos aquí para homenaxear a verdade, a xustiza, a valentía e, desgrazadamente tamén a morte dos que deixaron a vida polo seu traballo», dixo Sol Agra. «E ao nomear ao pobo palestino nesta tribuna encólleseme o corazón, e unha impotencia imposíbel de dixerir afógame cada vez que penso no xenocidio que estamos permitindo en Palestina».

Segundo a titular de Dereitos Civís, «levamos máis de cincocentos días asistindo ó exterminio dun pobo que xa levaba sendo acosado, atacado e abusado». «Xa son máis de 60 000 os palestinos e palestinas asasinados, máis de 200 deles xornalistas, en ataques premeditatos», denunciou. «Búscanos para asasinalos, bombardean as súas casas e redaccións, matan as súas familias, deteñenos e desaparecen para sempre, pero, ainda así, o Sindicato de prensa palestino segue loitando pola liberdade informativa, garantindo que as violacións dos dereitos humanos en Palestina sexan documentadas e difundidas en todo o mundo». «O seu traballo», engadiu, «é fundamental para a preservación da memoria histórica e a denuncia das inxustizas que se están a cometer en Oriente Próximo, así que vaia para el o noso recoñecemento eterno». 

Insistiu Agra na «barbarie de Israel en Gaza» ao afirmar: «Isto non é unha guerra, non hai un exército en fronte, só civiles aos que matan á fame mentres os bombardean: onde está o mundo que mira para outro lado?».

Sol Agra denuncia o «xenocidio que estamos permitindo en Palestina» na entrega do XXI Premio Xornalistas de Liberdade de Prensa ao Sindicato de Xornalistas Palestinos