O servizo de Teleasistencia Domiciliaria da Deputación supera as 2.000 persoas usuarias
O programa está dirixido a aquelas persoas maiores de 65 anos –non dependentes- que residan nalgún dos 89 concellos con menos de 50.000 habitantes da provincia.
O programa de Teleasistencia Domiciliaria Contigo Mellor, artellado pola área de Servizos Sociais da Deputación da Coruña, segue a velar pola seguridade e autonomía das máis de 2.000 persoas maiores adheridas ao programa durante este 2018. A deputada e responsábel de Benestar Social e Igualdade, Ánxela Franco, subliñou a relevancia que ten este programa para as persoas usuarias e as súas familias, pois “o contacto permanente que existe entre a central de atención e as persoas usuarias achega unha maior tranquilidade a quen máis o necesita”.
O programa de Teleasistencia Domiciliaria da Deputación da Coruña está dirixido a aquelas persoas maiores de 65 anos –non dependentes- que residan nalgún dos 89 concellos con menos de 50.000 habitantes da provincia. Así, dende o pasado mes de marzo súa área de Servizos Sociais desenvolve baixo o lema Contigo Mellor, unha campaña de promoción do servizo TAD coa que prentende incrementar a visibilidade dos seus beneficios. O servizo TAD permite ás persoas usuarias estar en contacto permanente coa central de atención, premendo o botón do medallón ou da pulseira que levan consigo, un sistema que contribúe a darlles autonomía, seguridade e tranquilidade.