A retrospectiva sobre Xosé Vizoso abre a nova etapa de actividades expositivas no Forno do Forte

Xosé Lois Penas, na inauguración da mostra
Xosé Lois Penas, na inauguración da mostra

“Este vai ser un museo aberto, inclusivo, vivo e cheo de contidos, un museo para a veciñanza de Buño, de Malpica e da comarca”, asegurou o Deputado de Patrimonio, Xosé Lois Penas, no acto de apertura da mostra. Esta é a primeira exposición retrospectiva sobre a traxectoria dunha figura fundamental no eido da cerámica, a ilustración, o deseño, e o cartelismo, e estreitamente ligada a Sargadelos. Poderá visitarse ata finais de xuño.

A retrospectiva sobre Xosé Vizoso abre a nova etapa de actividades expositivas no Forno do Forte

Esta mañá inaugurouse a primeira mostra retrospectiva sobre a traxectoria de Xosé Vizoso no Ecomuseo Forno de Forte de Buño, onde permanecerá exposta ata o 30 de xuño. Ademais do propio artista, no acto inaugural participaron o deputado de Patrimonio, Xosé Lois Penas, e o alcalde de Malpica de Bergantiños, Eduardo Parga, e contou coa asistencia de parte da corporación de Malpica, tamén do alcalde de Laxe, José Luis Pérez, e do alcalde de Brión, Pablo Lago, concello este no que reside e no que ten o seu estudo Xosé Vizoso. 

Trátase dunha exposición, que ademais de ser a primeira retrospectiva que se lle dedica a Xosé Vizoso supón, ademais, a primeira das actividades que acolle o Forno do Forte desde a recente remodelación para adaptar tres salas a actividades temporais. Precisamente a este aspecto se referiu Xosé Lois Penas durante a súa intervención asegurando que “este vai ser un museo aberto, inclusivo, vivo e cheo de contidos, un museo para a veciñanza de Buño, de Malpica e da comarca”. Neste sentido lembrou que “xa hai máis dun ano que falamos de poñer en marcha os novos espazos do Forno do Forte para convertelo no gran museo da olaría de Buño e de todo o país, priorizando a olaría e a comarca pero coa idea de dar cabida tamén a outras propostas artísticas”. O deputado de Patrimonio tamén quixo poñer en valor que esta nova xeira de actividades expositivas se inaugura da man “dun artista universal e imprescindible para entender a cultura galega, como é Xosé Vizoso”.

Pola súa banda, Xosé Vizoso amosouse agradecido pola exposición e durante a súa breve intervención fixo un percorrido pola súa traxectoria en Sargadelos, lembrando os inicios da súa carreira xunto con Isaac Díaz Pardo e tamén a súa relación coa olaría e coa cerámica. Por último o rexedor de Malpica, Eduardo Parga, asegurou que “é unha ledicia acoller aquí esta obra, un privilexio contar coa presenza do autor, que non só é un gran artista senón que ademais é un grande da cultura do país”.

No acto inaugural tamén participaron o músico Moisés Quintas e o comisario da mostra Aser Álvarez, de Arrianos Producións, quen explicou como naceu a súa relación de amizade con Xosé Vizoso e como adaptou o deseño da mostra ás singularidades da espazo do Forno do Forte. Así, as pezas expostas están repartidas en tres salas: a primeira acolle seis pinturas de gran formato da serie sobre os entroidos; na segunda sitúanse 20 debuxos sobre a olaría de Galiza e unha selección de libros que son unha pequena mostra das 300 portadas e ilustracións que Vizoso fixo para Edicións do Castro; mentres que na terceira se expoñen varias pezas de cerámica representativas da sua carreira en Sargadelos. Tamén se inclúen imaxes do Mural do Furriolo e material audiovisual de diversas facetas do seu traballo creativo. 

Convén lembrar que Xosé Vizoso ten unha longa traxectoria como ilustrador, deseñador, ceramista, escultor, escenógrafo, cartelista, muralista, pintor e caricaturista, sempre a carón de Isaac Díaz Pardo, no departamento de deseño de Sargadelos. 

A retrospectiva sobre Xosé Vizoso abre a nova etapa de actividades expositivas no Forno do Forte