A Residencia de Estudantes Elvira Bao acollerá 118 residentes
A Deputación da Coruña entregou esta mañá á UDC as instalacións da Residencia de Estudantes, nunha visita institucional na que tomaron parte o presidente da Deputación, Valentín González Formoso, e a vicepresidenta, Goretti Sanmartín Rei, xunto ao reitor da UDC, Julio Abalde, e a vicerreitora de Estudantes, Participación e Extensión Universitaria Margarita Amor.
Cun investimento de máis de 3 millóns de euros, a residencia acollerá 118 residentes, 46 deles desde o inicio do curso. En setembro estarán preparadas as primeiras 46 prazas e, prevese que en xaneiro, co remate dos accesos á totalidade do espazo, dotarase á Universidade de 118 prazas residenciais públicas. A infraestrutura que dará servizo a unha cidade que era a única de Galicia que non tiña residencia universitaria, "cumprirá o compromiso de dotar a UDC dunha residencia universitaria cun servizo fundamental que até agora non existía", explicou Goretti Sanmartín.
A vicepresidenta destacou tamén que a residencia leve o nome de Elvira Bao, "mestra, pedagoga que viviu neste mesmo barrio e padeceu a represión despois do levantamento militar co cal cumprimos tamén coa recuperación da memoria histórica".