Xosé Regueira salienta en Outes o potencial turístico do territorio
O vicepresidente provincial e titular de Turismo, Xosé Regueira, e súa compañeira de grupo na Deputación da Coruña e responsable de Igualdade, Sol Agra, visitaron esta mañá o Estaleiro de Ciprián, actual Museo da Carpintaría de Ribeira. Acompañáronos o alcalde e o tenente alcalde de Outes, Manuel González e Anxo Núñez, nun encontro no que tamén participaron representantes dos sectores turístico e agroalimentario da zona.
Regueira salientou o potencial turístico de Outes, «de gran calidade e riqueza paisaxística, con moitas opcións de ocio e gastronomía, e ademais situado moi preto de cidades coma Santiago ou A Coruña, o que a converte nun destino moi atractivo para o turista internacional».
O vicepresidente puxo en valor «as oportunidades que ofrecen instalacións coma este museo, situados en espazos naturais, para dirixirse a un perfil de visitante que valora a calidade e que deixa un impacto socioeconómico e medioambiental positivo na contorna. Para iso debemos definir, entre todos, sector privado e administracións públicas, o tipo de turismo que queremos e en que mercados queremos competir».
Agra e Regueira interesáronse tamén polo estado actual do proxecto de recuperación do estaleiro, «con moitas posibilidades para turismo industrial, pero tamén para o tradicional, e referente na historia e na memoria colectiva do territorio».