Xosé Regueira visitou hoxe en Rianxo os murais do festival Viladomar, un dos beneficiarios este ano das subvencións da Deputación á pintura de arte urbana
Xosé Regueira visitou esta mañá Rianxo para coñecer os murais do festival Viladomar, un dos beneficiarios este ano do programa DP0040 da Deputación da Coruña, dirixido a concellos da provincia para a realización festivais de arte pública urbana na modalidade de pintura mural. Acompañárono o alcalde, Julian Bustelo, outros concelleiros da corporación e o artista Nove Noel.
«Con esta liña de apoio aos festivais de arte urbana, no departamento de Turismo apostamos por iniciativas que recrean o espazo público e que teñen a creatividade como estratexia», sinalou o vicepresidente. "Falamos", engadiu, "de proxectos xa consolidados e doutros que comezan, pero todos queren dotar de identidade espazos urbanos que perderan parte da súa identidade propia».
Regueira destacou o potencial da arte urbana, «que permite visualizar un produto turístico atractivo e ofrece unha alternativa para dar a coñecer un destino desde outra óptica, alcanzando un determinado tipo de visitante que ata hai poucos anos tiñamos esquecido».
O vicepresidente puxo en valor un aspecto destes festivais que o seu departamento considera fundamental: «Modelos como o de Rianxo, Carballo ou Ordes, por exemplo, conseguen rexenerar espazos en decadencia e, a través da arte mural, mellorar a calidade da vida da veciñanza, darlle máis vida e alegría ao espazo público e acabar creando un museo de arte pública ao aire libre; o que, por suposto, tamén ten un atractivo e unha importancia incuestionable para o turismo».
Neste exercicio, a Deputación reservarará para o programa DP0040 un orzamento de 149 980 euros, que terán cinco benefeciarios: VII edición do Cromático Mural Fest, do Concello de Cambre: 32 620 €; Festival Rexenera Fest 2024, do Concello de Carballo: 35 000 €; II Expresa Oleiros Urban Fest, do Concello de Oleiros: 31 020 €; XVII Festival de Arte Urbano DesOrdes Creativas, do Concello de Ordes: 29 420 €; e Concello de Rianxo: 21 920 €.