Regueira salienta en Fitur a singularidade do Camiño Fisterra-Muxía e anima a descubrir o «encanto intanxible» da Costa da Morte

Xosé Regueira valorou moi positivamente a participación de Turismo da Deputación en Fitur 2025, que hoxe celebra a súa última xornada: «Foi o mellor foro para lanzar a campaña 'A paisaxe que sabe', coa que continuaremos promovendo a nosa gastronomía como principal destino turístico».
Os proxectos 'Costa da Morte, Naturalmente Salvaxe', da CMAT', e 'Fisterra-Muxía, o camiño que remata no mar', da Asociación de Concellos do Camiño Fisterra-Muxía, centraron as últimas intervencións de Regueira este ano en Fitur. O deputado do BNG falou da «natureza salvaxe» da Costa da Morte, un dos xeodestinos do territorio coruñés: «Dicía Manuel Rivas que a Costa da Morte é máis que un destino; é un parque temático», afirmou Regueira. «E tiña razón, porque é máis que paisaxe: tamén é gastronomía, patrimonio e cultura... A Costa da Morte ten un encanto intanxible de primeiro nivel. Calquera se sentirá atraído non so polas súas incribles postas de sol ou as súas salvaxes e infinitas praias, senón tamén polos múltiples e únicos acontecementos que alberga e o que é capaz de transmitir a súa xente a través da tradición».
O vicepresidente animou a visitar a Costa da Morte «en calquera estación»: «Pero eu elixiría en especial o outono para descubrir este recuncho». «Din», engadiu, «que alí remata o mundo, mais eu creu que é onde comeza todo».
Durante a presentación do camiño Fisterra-Muxía no pavillón de Galicia, o vicepresidente sinalou a singularidade dun percorrido que «conta con dúas catedrais, a de Santiago e as pedras do santuario de Muxía, e por suposto o faro da fin do mundo, en Fisterra».
A próxima parada que fará o departamento que dirixe o vicepresidente provincial será tamén na capital do Estado, por Madrid Fusión, do 27 ata o 29 de xaneiro.