SERVIZOS SOCIAIS
Regueira reafirma o compromiso da Deputación cos colectivos de Enfermidades Raras e Crónicas
Apoio á Gala Internacional de Patinaxe Artística que chega a súa quinta edición este domingo.
A Deputación da Coruña colabora con FEGEREC na Gala Internacional de Patinaxe Artística, un evento que se celebra cada catro anos organizado pola Federación Galega de Enfermidades Raras e Crónicas (FEGEREC). O domingo 18 de marzo celebrará a súa quinta edición. A Deputación da Coruña, a través do deputado Xosé Regueira destacou esta mañá o papel de entidades como FEGEREC e defendeu o compromiso institucional cos colectivos máis vulnerábeis.
O deputado Xosé Regueira participou na presentación da Gala e defendeu que as administracións teñen que ter “como primeiro obxectivo a defensa dos colectivos máis vulnerábeis”, e lembrou que a propia Deputación, na área de Servizos Sociais que dirixe a deputada Ánxela Franco -que non puido asistir á presentación-, “desenvolve un intenso traballo de colaboración coas entidades de servizos sociais ás que destina máis de dous millóns de euros a través de tres liñas de axuda en concorrencia competitiva”.
A presidenta e a directora de FEGEREC, Paca Luengo e Carmen López, reivindicaron unha maior implicación na investigación arredor de enfermidades raras e ultrararas das que, segundo sinalaron, existen 200.000 persoas afectadas en Galiza.