Regueira: «Que Cabo Ortegal sexa Xeoparque Mundial da Unesco suporá un gran pulo turístico para a comarca e abrirá novas e importantes oportunidades de emprendemento»

Regueira fala do Cabo Ortegal como territorio xeolóxico, hoxe en Fitur
Regueira fala do Cabo Ortegal como territorio xeolóxico, hoxe en Fitur

«Os xeoparques axúdannos a atopar espazos de diferenciación, nos que se valora a calidade, e que atraen ese perfil de turista que buscamos», salientou o vicepresidente da Deputación da Coruña na última xornada de Fitur, onde defendeu a diversidade e sostibilidade dos produtos turísticos da provincia.


 

Regueira: «Que Cabo Ortegal sexa Xeoparque Mundial da Unesco suporá un gran pulo turístico para a comarca e abrirá novas e importantes oportunidades de emprendemento»

O Xeoparte do Cabo Ortegal, a Reserva da biosfera das Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo e a Costa da Morte centraron a axenda de Xosé Regueira na última xornada de Fitur. «Falamos de tres destinos diferenciados, de calidade e cun gran valor ecolóxico e etnográfico, que son un bo exemplo da estratexia de sostibilidade turística da Deputación da Coruña».

Cabo Ortegal entrou en 2023 a formar parte da rede mundial da Unesco, un proxecto no que Regueira se mostrou sempre moi implicado e que contou co total apoio do departamento de Turismo provincial. «Acadouse así un fito destacado, co que a comarca do Ortegal pasará a ser unha das localizacións de referencia en materia xeolóxica, co gran pulo turístico, económico e social que isto supón, ademais de todas as oportunidades de emprendemento que se abren», asegurou.

O deputado do BNG puxo en valor o traballo da Reserva da biosfera das Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo, «que encaixa á perfección coa estratexia de turismo da Deputación. A entidade é un exemplo de boa xestión e quen de organizar un novo produto cun gran valor ecolóxico».

Tamén se referiu Regueira a gran variedade de opcións que ofrece a Costa da Morte, «un territorio que se debe gozar con cariño e respetar para deixalo nas mellores condicións, pensando sempre nas xeracións futuras. Convídovos a coñecelo nos meses con "r", non só no verán, como ben recomenda a CMAT nunha axeitada aposta para desestacionalizar o turismo da zona».

Volve Regueira de Fitur logo de tres días nos que promoveu o valor turístico e patrimonial da provincia. «Neste edición da feira quixemos non só exhibir o potencial do territorio, senón deixar clara a estratexia do noso departamento para achergarnos a un turismo de futuro que ten como eixo fundamental a sostibilidade, dende un punto de vista reflexivo. Por iso impulsamos os cinco Plans de Sostibilidade en Destino: Fogóns do Anllóns, Fragas do Eume, Proxecto de Xeoparque Cabo Ortegal, Vía Verde Compostela-Tambre-Lengüelle e Centro histórico de Ferrol e patrimonio militar da Costa Ártabra; insistindo na importancia da protección do medio natural, na creación de riqueza local e en manter a autenticidade, coma aspectos de diferenciación e de calidade».
 

Regueira: «Que Cabo Ortegal sexa Xeoparque Mundial da Unesco suporá un gran pulo turístico para a comarca e abrirá novas e importantes oportunidades de emprendemento»