Regueira presentará en Fitur a estratexia de sostibilidade turística da Deputación da Coruña
O 24 de xaneiro comeza unha nova edición de Fitur, coma cada ano sinalada en vermello na axenda do vicepresidente provincial e titular de Turismo, Xosé Regueira. Na feira madrileña, Regueira presentará a estratexia de sostibilidade turística do seu departamento, que terá como protagonistas os cinco Plans de Sustentabilidade Turística en Destino da Deputación: Fogóns do Anllóns, Fragas do Eume, Proxecto de Xeoparque Cabo Ortegal, Vía Verde Compostela-Tambre-Lengüelle e Centro histórico de Ferrol e patrimonio militar da Costa Ártabra.
«Queremos levar a unha das citas internacionais de turismo máis importantes a nosa proposta, baseada na sostibilidade medioambiental, económica e social, e que pasa por manter a autenticidade do territorio, por contribuír á xeración de riqueza local e por fixar poboación no rural, sempre desde o máximo respeto ecolóxico», explicou o vicepresidente. «Para iso», engadiu, «ofreceremos produtos turísticos diversos e de gran calidade, que poñen en valor a nosa identidade e se dirixen a un perfil de visitante que demanda unha oferta caracterizada polo patrimonio, a cultura, a gastronomía e o ocio activo; precisamente o que pode atopar nos nosos Plans».
Na xornada inaugural, Regueira participará na presentación "Provincia da Coruña, territorio sostible", que se celebrará ás 13 horas na caseta de Galicia. O venres 26, tamén á unha da tarde, o líder do BNG da Deputación falará do territorio xeolóxico de Cabo Ortegal, nun acto sobre os xeoparques mundiais da UNESCO no que estará acompañado por representantes da Xunta, da Rede Mundial de Xeoparques e de diferentes entidades e concellos.