Regueira gaba en Biocultura o traballo da Reserva de Biosfera das Mariñas Coruñesas e defende o modelo de xestión do departamento provincial de Turismo
Xosé Regueira participou esta tarde no acto de entrega dos diplomas ás novas empresas certificadas na Marca de Calidade Reserva de Biosfera Mariñas Coruñesas. Foi en Expocoruña, dentro da programación de Biocultura, a feira de produtos ecolóxicos e ecoturismo máis importante do Estado, que conta co patrocinio maioritario da Deputación.
Regueira comezou a súa intervención dándolle os parabéns á entidade «por entrar a formar parte da elite turística do territorio da Reserva da Biosfera, que vén a ser o mesmo que dicir que entrar a formar parte da elite do turismo da provincia da Coruña e de Galiza, con 11 novas empresas certificadas este ano para un total xa de 69 dende que en 2019 se comezou a traballar co empresariado local neste procedemento formativo único e innovador».
O vicepresidente gabou o traballo da Reserva, un modelo de xestión que ten non pouco en común co do departamento provincial de Turismo. «Para a Deputación da Coruña, a Reserva da Biosfera das Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo sempre foi un exemplo de boas prácticas a imitar. Foi seguramente o primeiro ente turístico co que establecemos un modelo de colaboración sólido, baseado na confianza e na concordancia nos obxectivos turísticos a acadar no medio e longo prazo. Refírome á procura dun crecemento turístico sustentábel, onde a calidade prima por riba de calquera outro factor á hora de planificar recursos e programas, baseado nunha alianza co medio ambiente e tamén de loita contra o cambio climático: ese é o camiño que debemos percorrer as administracións e o que nós levamos anos percorrendo na área de Turismo da Deputación».
Regueira referiuse ao importante apoio da Deputación a Biocultura, «da que nos sentimos aliados e parte importante», e salientou outros investimentos do seu departamento. «Dedicamos considerables recursos para axudar os entes de xestión dos xeodestinos da provincia a emprender plans de mellora da calidade e competitividade turística». «En Turismo da Deputación da Coruña estamos nestes momentos a executar nada menos que cinco Plans de Sustentabilidade Turística en Destino que teñen moito a ver coa filosofía que se respira en cada centímetro de Biocultura: alianza co territorio, coas súas xentes, coas súas paisaxes, coa súa identidade e loita contra o cambio climático», explicou, en alusión aos plans que o departamento que dirixe executa no ámbito do Xeoparque de Ortegal, no Parque Natural das Fragas do Eume, na bacía do Río Anllóns, no Patrimonio Histórico e Militar do Golfo Ártabro e na recuperación da Vía Verde Santiago-Tambre–Lengüelle, a primeira da provincia.
Tamén falou Regueira d'A provincia que sabe', a marca de Turismo da Deputación para poñer en valor a riqueza turística e gastronómica da provincia, que o vicepresidente leva promovendo desde hai semanas en foros coma Fitur, Madrid Fusión, o hotel Nobu donostiarra, Horeca Baleares e Biocultura, e que dará a coñecer tamén, en próximas datas, no Gastronomic Forum Barcelona e Galicia Fórum Gastronómico. «Dedicamos considerábeis recursos a darlle cobertura aos diferentes elos da cadea agroalimentaria que comparten con nós ese compromiso co territorio e coa súa identidade en canto á produción de alimentos e, por suposto, á súa transformación en bocados únicos».
«Os froitos da colaboración con entidades coma a Resrva de Biosfera Mariñas Coruñesas están sendo útiles para ir acadando os obxectivos que compartimos e que van facer posíbel un futuro turístico máis respectuoso, e seguramente moito máis rendíbel para o sector, para o territorio e para o planeta», rematou.