Regueira defende o valor turístico e cultural da industria conserveira na estrea en Boiro do documental "Voces da conserva"
Xosé Regueira asistiu onte á estrea no Pazo de Goiáns, en Boiro, do documental Voces da conserva. Na súa intervención antes da proxección, o vicepresidente provincial salientou o potencial da conserva como recurso turístico, por ser «unha industria con moita historia e identidade, ademais de patrimonio, cultura e marca do país que debemos potenciar con orgullo».
Regueira louvou a labor da Mancomunidade Barbanza Arousa, quen produciu o documental con fondos da Deputación destinados a potenciar a estratexia turística dese territorio; «angueira», dixo, «que desempeña sempre con moito cariño e buscando produtos de diferenciación e de calidade. Exemplo diso é o patrimonio conserveiro, un elemento fundamental, de memoria, sinónimo de desenvolvemento, que tamén fixo moito polas mulleres traballadoras e que temos que poñer en valor como país».