Regueira anuncia unha achega de 792 000 euros para o persoal das oficinas municipais de turismo en 2025

«O turismo é un eixo estratéxico para a creación de emprego e a cohesión territorial, e estas axudas permitirán aos concellos máis pequenos manter equipos cualificados sen comprometer os seus orzamentos». Así valorou Xosé Regueira o investimento de 792 039 euros que a Deputación fará este ano no programa DP0029, dirixido aos concellos e agrupacións de concellos da provincia de menos de 50 000 habitantes para o financiamento do gasto de persoal das oficinas de turismo durante 2025. Os 55 beneficiarios recibirán axudas de entre 10 000 e 20 000 euros.
O vicepresidente subliñou que o programa de subvencións «responde a un compromiso coa equidade territorial, xa que facilita que mesmo os municipios con menos recursos poidan competir nun sector clave para a economía provincial».
«Con esta liña de axudas», destaca, «seguimos a reforzar a capacidade dos concellos para ofrecer un servizo turístico de calidade, garantindo durante todo o ano unha atención profesionalizada que contribúa á promoción dos nosos recursos naturais, culturais e patrimoniais, mellorando a experiencia dos visitantes e fortalecendo o sector en toda a provincia».
«Co programa DP0029», remata, «non só garantimos servizos turísticos de calidade, senón que tamén favorecemos a creación e consolidación de postos de traballo. Apostamos por un turismo xestionado de forma profesional e sostible, con información accesible e adaptada ás necesidades de cada territorio».