'O galego, a miña lingua propia' chegará a 43 concellos até fin de ano
No mes de decembro a campaña rematará despois de desenvolver 91 actividades en centros de ensino de 43 concellos da provincia.
A vicepresidenta e responsábel da área das áreas de Lingua e Cultura da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín, reuniuse esta mañá con algunhas das persoas participantes no programa #ogalegoamiñalinguapropia para facer balance e anunciar a segunda etapa do programa que se desenvolverá en 43 concellos até fin de ano. O músico Xurxo Souto, a poeta Antía Otero, a actriz Paula Carballeira, a artista Laura Romero, o actor Lois Blanco, a música MJ Pérez, a poeta e contadora Lucía Aldao ademais de Sino Seco de Fabaloba e Emi Candal de Urdime participaron na rolda de prensa en que se avanzou a nova fase da campaña de animación ao uso do galego na mocidade da Deputación da Coruña.
"Quixemos que contasen as súas experiencias persoas que levan tempo facendo música, teatro ou deporte en galego, ámbitos que son atractivos para a mocidade", explicou Goretti Sanmartín dunha iniciativa que quere "reforzar a autoestima lingüística, e demostrar que en todos os ámbitos pódese desenvolver a actividade profesional en galego".
O programa chega este martes a Santiago co obradoiro de MJ Pérez. Botou a andar a primavera pasada e levou as actividades a 20 concellos. No mes de decembro a campaña rematará despois de desenvolver 91 actividades en centros de ensino de 43 concellos da provincia.