A oferta dos concellos triunfa na Feira Ibérica da Garda
Xosé Regueira destacou o interese de intensificar as relacións turísticas Portugal-Galiza no encontro que mantivo coa Secretaria de Estado de Turismo de Portugal, Ana Mendes.
Un programa de degustacións de produtos de calidade , demostracións e showcookings coordinado pola área de Turismo da Deputación da Coruña promoveu unha variada oferta de interese turístico na Feira Ibérica da Garda que se está a desenvolver do 28 de abril ao 1 de maio. Canda o deputado de Turismo, Xosé Regueira, participaron nos distintos actos os alcaldes de Oroso, Manuel Mirás, co deputado e concelleiro Antonio Leira, o alcalde de Laxe, José Manuel Mouzo e a alcaldesa de Mugardos, Pilar Díaz.
O espazo expositivo da Deputación foi dos máis visitados do recinto, con especial afluencia nos momentos en que se desenvolveron actividades e mostras co fin de atraer representantes do sector fundamentalmente no ámbito luso. Neste sentido, o deputado de Turismo, Xosé Regueira, destacou o interese de intensificar as relacións turísticas Portugal-Galiza no encontro que mantivo coa Secretaria de Estado de Turismo de Portugal, Ana Mendes, que visitou o stand da Deputación da degustou un viño de Vedra.
Os concellos de Mugardos, Malpica, Padrón, Carballo, Ponteceso, Laxe, Oroso, Vimianzo, Muxía e o xeodestino de Arousa Norte tiveron unha presenza máis activa no evento, protagonizando actividades específicas de preparación, degustación e mostra de produtos aínda que, a través da Deputación, difundíronse na Guarda a oferta da totalidade do territorio a través dos seis xeodestinos que conforman a estratexia promocional da área de Turismo da Deputación.