A DEPUTADA INAUGUROU HOXE EN COMPOSTELA A NOVA XORNADA DO PROGRAMA 'A CULTURA É UN DEREITO'
Natividade González: «Cómpre abordar o patrimonio oral desde un marco de boas prácticas legais, éticas e de xestión»

‘Traducir a tradición’, décimo novena xornada do programa ‘A cultura é un dereito’, da área de Cultura da Deputación da Coruña, comezou esta tarde na sede da SGAE en Santiago para levar a debate, desde hoxe ata este vernes, o xeito de rexistrar a tradición oral e a necesidade de definir un protocolo de boas prácticas legal, ético e de xestión no tratamento dos arquivos e das persoas implicadas neles. Inaugurouno Natividade González, nun acto no que a deputada do BNG estivo acompañada pola comisaria do encontro, Aitana Cuétara.
«Queremos poñer o foco», explicou González, «nun tema crucial: o patrimonio oral na creación musical contemporánea, porque a música tradicional non é só un legado herdado, senón un material vivo que evoluciona con cada nova xeración». «O noso obxectivo nestas xornadas», engadiu, «é reflexionar sobre como abordar este patrimonio desde un marco de boas prácticas legais, éticas e de xestión, garantindo a súa conservación e recoñecemento sen perder de vista a súa transformación natural».
O departamento que dirixe González «cre firmemente», dixo a titular de Cultura, «na necesidade de preservar, difundir e actualizar o noso patrimonio oral; non só porque forma parte da nosa identidade colectiva, senón porque tamén debe ser unha ferramenta viva para a creación contemporánea».
González referiuse tamén a outros dos asuntos que se tratarán na xornada: o impacto emocional e cultural da chegada da música tradicional ao mainstream, «reflexionando sobre o equilibrio entre difusión e autenticidade»; a ética e o coidado no traballo de campo, «un aspecto fundamental para preservar a dignidade e o valor das fontes orais»; e a metodoloxía na xestión dos arquivos da música de tradición oral, «clave para garantir a súa accesibilidade e continuidade no tempo».
«Desexo que estas xornadas», rematou, «sexan un espazo de debate, reflexión e aprendizaxe mutua, e anímovos a participar activamente en todas as sesións, mesas redondas e visitas programadas».