A RESPONSABLE PROVINCIAL DE IGUALDADE PRESIDIU O ACTO INSTITUCIONAL DA DEPUTACIÓN POLO 25 N
María Muíño: "No traballo de construír unha sociedade xusta e igualitaria non sobra ninguén"
"É nos espazos dixitais onde se está dando un incremento moi importante de ataques, que afecta a amplas capas da sociedade, mais dun xeito maioritario a mulleres adolescentes", afirmou Muíño na súa intervención, este mañá, ante o alumnado do IES Puga Ramón coruñés. "Non podemos deixar que sexa unha violencia invisíbel, senón que temos que analizala, investigala, combatela e destinar recursos na prevención do 'ciberbulling', do 'sexting', do 'grooming', da 'sextorsión' ou da pornografía non consentida". Ao acto tamén asistiu o vicepresidente da Deputación, Xosé Regueira,
"No traballo de construír unha sociedade xusta e igualitaria non sobra ninguén", asegurou esta mañá a responsable provincial de Igualdade, María Muíño, no acto institucional da Deputación da Coruña polo 25N, celebrado no IES Puga Ramón da Coruña, ao que tamén asistiu o vicepresidente, Xosé Regueira.
"É nos espazos dixitais onde se está dando un incremento moi importante de ataques, que afecta a amplas capas da sociedade, mais dun xeito maioritario a mulleres adolescentes", dixo Muíño. "Porque", engadiu, "non podemos deixar que sexa unha violencia invisíbel, senón que temos que analizala, investigala, combatela e destinar recursos na prevención do 'ciberbulling', do 'sexting', do 'grooming', da 'sextorsión' ou da pornografía non consentida".
Baixo o lema "DE FRONTE á violencia de xénero", a Deputación da Coruña está a desenvolver unha serie de actividades para poñer o foco na loita contra as violencias dixitais. A campaña, pensada especialmente para a poboación moza, manexa datos estatísticos que indican que un de cada cinco rapaces de entre 16 e 25 anos considera que a violencia machista non existe: asimílana coma un invento ideolóxico creado polo movemento feminista, e só catro de cada dez considera que as desigualdades de xénero son elevadas e causan dano ás mulleres.