María Muíño: "O II Circuíto de Cultura en Igualdade segue apostando por ferramentas que propicien un cambio de valores para o fomento dunha sociedade igualitaria inclusiva e diversa"
“Entre as medidas de actuación que se recolleron, logo dun proxecto participativo que durou meses, están a posta en marcha de actividades de promoción da igualdade de xénero e de respecto á diversidade, a creación dun catálogo de recursos e tamén o mantemento de apoio a proxectos culturais que inclúan a perspectiva de xénero”, explica Muíño.
A segunda edición do Circuíto Cultura en Igualdade, do departamento de Igualdade da Deputación da Coruña, arrancou onte na Casa da Cultura de San Sadurniño, onde a compañía Pérez&Fernández representou a versión teatral da novela de María Solar “Os nenos da varíola”.
O programa, que chegará durante os próximos catro meses a 21 concellos coruñeses e aos dous centros infantís de titularidade provincial, inclúe nove propostas de teatro, música e contacontos nos que se traballa a diversidade sexual, a sensibilización en materia de igualdade de xénero e a prevención da violencia machista.
“Na diagnose de igualdade feita polo noso departamento”, explica a deputada María Muíño, “propuxémonos que o Circuíto siga apostando por ferramentas que propicien un cambio de valores para o fomento dunha sociedade igualitaria inclusiva e diversa”. “Entre as medidas de actuación que se recolleron, logo dun proxecto participativo que durou meses, están a promoción e posta en marcha de actividades de promoción da igualdade de xénero e de respecto á diversidade, a creación dun catálogo de recursos e tamén o mantemento de apoio a proxectos culturais que inclúan a perspectiva de xénero”.
Os espectáculos están destinados a todos os grupos de idade e traballan temáticas e tramas que van desde a lembranza das casas refuxio e as mulleres libertarias (“As Mapoulas”, de Laboratorio Escénico) até a viaxe de Isabel Zendal (“O nenos da varíola”, de Pérez&Fernández), pasando polo tratamento da violencia dixital (“Miss Docet”, de Compañía Eléctrica), o reencontro de tres amigas (“Feminíssimas”, de De Ste Xeito Producciones), a vida da pedagoga María Barbeito (“As alumnas”, de Culturactiva Producións), os problemas de conciliación (“4.0”, de Sue Moreno), as mulleres do mar como protagonistas (“Asdomare”, de Rilo & Penadique), a música de tradición oral feita por mulleres (“Ris Ras”, de Baobab Teatro) e a influencia das redes sociais, o “selfie” e o “sexting” na creación da propia identidade (“Amantis”, de Rebordelos).
Ademais de San Sadurniño, o II Circuíto Cultura en Igualdade fará parada, desde este mes ata febreiro de 2023, en Rianxo, A Laracha, A Pobra, Mañón, As Pontes, Vimianzo, Val Do Dubra, Rois, Trazo, Boiro, Moeche, Malpica, Boimorto, Coirós, Dodro, Brión, Arzúa, Camariñas, Pontedeume, o Centro de día de menores de Ferrol e o Fogar Infantil Emilio Romay, da Coruña.
Programa
“OS NENOS DA VARÍOLA”, DE PÉREZ&FERNÁNDEZ
• 5/10, Casa da Cultura de San Sadurniño
• 9/12, Rianxo
“MISS DOCET”, DE COMPAÑÍA ELÉCTRICA
• 23/10 (20 horas), Teatro Elma, A Pobra
• 2/12, A Laracha
• 3/12, Betanzos
• 4/02/2023, Mañón
“AS MAPOULAS”, DE LABORATORIO ESCÉNICO
• 15/10 (20 horas), Auditorio Municipal Cine Alovi, As Pontes
• 23/11, Vimianzo
“4.0”, DE SUE MORENO
• 15/10 (18.30 horas), Patio CEPI Val Do Dubra, Val do Dubra
• 12/11, Rois
• 24/11, Trazo
“AS ALUMNAS”, DE CULTURACTIVA PRODUCIÓNS
• 5/11, Boiro
• 27/11, Moeche
• 3/12, Malpica
“ASDOMARE”, DE RILO & PENADIQUE
• 23/11, Boimorto
• 24/11, Coirós
• 25/11, Dodro
“FEMINÍSSIMAS”, DE DE STE XEITO PRODUCCIONES
• 16/12, Brión
• 17/12, Arzúa
“RIS RAS”, DE BAOBAB TEATRO
• 3/02/2023, Centro de día de menores de Ferrol
Están pendentes de confirmación as representacións de “Ris Ras” no Fogar Infantil Emilio Romay, da Coruña, e de “Amantis”, en Camariñas e Pontedeume.