María Muíño: “Con congresos como ‘A memoria diversa’ seguimos loitando contra os discursos de odio e construíndo un futuro de liberdade”
O Pazo de Mariñán acolleu hoxe a primeira xornada do II Congreso ‘A memoria diversa’, unha das actividades de ‘Liberdade de ser e de sentir’, a campaña que a área de Igualdade da Deputación da Coruña impulsa, co gallo do 28 de xuño, Día da diversidade sexual, para sensibilizar sobre a importancia da tolerancia e a igualdade das persoas, independentemente da súa orientación sexual e identidade de xénero. Mañá celebrarase a segunda das dúas xornadas do simposio.
O programa comezou co relatorio “A nosa memoria tamén é diversa”, no que interviron a responsable provincial de Igualdade, María Muíño, e Marcos Gabriel López, comisario dun congreso que, en palabras de Muíño, “pon fronte a fronte o pasado co presente, mais tamén co futuro, e permítenos coñecer e partillar espazos con persoas que, coa súa experiencia e coa súa loita, marcaron o camiño do recoñecemento e da dignidade”. “Persoas”, engadiu, “que tamén nos foron abrindo os espazos do que estamos construíndo, do que aínda hai que facer, dos dereitos que hai que conseguir e dos que hai que consolidar”.
“Desde a área de Igualdade da Deputación e con campañas como ‘Liberdade de ser e de sentir’ e congresos como o que celebramos hoxe e mañá en Mariñán”, afirmou Muíño, “seguimos construíndo ese futuro de liberdade, sempre escoitando, porque que importante é coñecer para recoñecernos e ter a mente e o corazón abertos para desaprender e aprender e para que se erga a bandeira dos dereitos todos os días do ano e vencer por fin os discursos e odio”.
Muíño salientou a colaboración que o seu departamento mantén cos concellos para coordinar a programación do congreso. “Desde hai xa anos", explicou, "vimos traballando man a man tanto cos concellos como cos colectivos porque só desde a participación e a coordinación podemos avanzar; tecer redes para avanzar sen esquecernos dos que nos precederon e que tanto pelexaron pola tolerancia e a igualdade”.
Programa sábado 11
10.30. Presentación do libro “Memoria diversa”, de Eva Mejuto, a quen acompañará a deputada María Muíño.
11.00. “Do que non se fala, non existe”, con Nanina Santos Castroviejo, cofundadora da Asociación Galega da Muller (AGM) e integrante da revista ‘Andaina’.
11.30. “E ademais, maricón”, co escritor Lois Diéguez. Presenta e modera a escritora Eva Mejuto.
12.15. “Maiores LGBT: A xeración silenciada”, con Federico Armenteros, presidente da Fundación 26 diciembre, e Trinidad Falcés, activista LGBT, Premio Elisa e Marcela. Presenta e modera, Fito Ferreiro, da Asociación Palestra.
16.30. “Os inicios do movemento LGBT galego”, con Quique Costas, membro do Colectivo Gai de Compostela; Magolla Sande, promotora do Colectivo de Feministas Independentes de Santiago; Vicente Montoto, membro do Colectivo Gai de Compostela; e Xabier Maañón, membro do Colectivo Gai de Vigo. Presenta e modera: Bárbara Vilariño, de Les Coruña.
18.15. “Os anos da SIDA”, con Nacho Iglesias, traballador social e membro do Comité Galego Antisida de Santiago. Presenta e modera: Xandre Garrido, da Asociación Avante LGBT+.
19.15. Concerto ‘Transpirando’, de O Rabelo.