María Muíño asinou hoxe o convenio entre a Deputación e o CCG para a edición de 40 biografías de mulleres do 'Álbum de Galicia'
A responsable provincial de Igualdade, María Muíño, e a presidenta do Consello da Cultura Galega (CCG), Rosario Álvarez, veñen de formalizar hoxe na sede da Deputación da Coruña o acordo para a edición dun volume que recollerá a biografía de 40 mulleres do 'Álbum de Galicia'. Na sinatura do convenio tamén estivo presente a directora do Centro de Documentación en Igualdade e Feminismos do CCG, Carme Adán.
Trátase da primeira colaboración formal entre ambas institucións e promove, entre outras accións, a realización de actividades de carácter cultural, especialmente seminarios, exposicións e encontros, que permitan analizar o papel das mulleres na historia e na cultura do noso país.
O libro, que se editará a través dos servizos da imprenta provincial, leva por título "Tecendo xuntas: 40 mulleres de álbum" e verá a luz nos vindeiros meses. "Esta colaboración enmárcase na filosofía do departamento de Igualdade de impulsar de xeito activo todas aquelas accións que permitan avanzar na posta no coñecemento, recuperación e recoñecemento do papel das mulleres e a súa incidencia na sociedade do seu tempo", salientou Muíño trala firma do acordo.
"Tecendo xuntas: 40 mulleres de álbum" propón un itinerario histórico desde o medievo ata a actualidade, escrito en feminino por autoras contemporáneas de diversas disciplinas. O volume comeza coas biografías de Rosa María de Castro y Centurión, aristócrata da Casa de Lemos, escrita por Lucía Montenegro, e de Constanza de Castro, a cargo de Marica Campo, e remata coa de Rosalía Mera, que leva a firma de Marilar Aleixandre.