María Muíño visitou na Casa da Cultura de Sada a exposición itinerante de homenaxe aos 100 anos da bandeira galega
A deputada provincial de Normalización Lingüística, María Muíño; o alcalde de Sada, Benito Portela; e a concelleira de Normalización, Marisa Rúa, encabezaron esta mañá unha visita á exposición que conmemora os 100 anos da bandeira galega e que estivo guiada por Calros Silvar, un dos ilustradores que participa con obra na mostra.
A exposición chegou á Casa da Cultura Pintor Lloréns de Sada o pasado 11 de decembro para render homenaxe aos 100 anos do día —o 25 de xullo de 1921— no que a bandeira galega ondeou nun edificio institucional por primeira vez, concretamente no Palacio municipal da Coruña. A itinerancia da mostra polos concellos da provincia, unha iniciativa da área de Normalización Lingüística da Deputación da Coruña, iniciouse precisamente en Sada, onde permanecerá ata esta fin de semana, e continuará ao longo de 2022 por Santiago de Compostela, Ribeira, Carballo e San Sadurniño.
Muíño cualificou como “un gran acerto utilizar a ilustración e a banda deseñada para facer máis accesible e máis atractiva a historia da bandeira a todo tipo de públicos”, mentres que Calros Silvar salientou “a variedade de estilos e o gran nivel técnico e artístico” das ilustracións que compoñen parte da exposición. Benito Portela, explicou que a mostra —que inclúe un cómic que amosa a historia do nacemento da bandeira galega e unha serie de ilustracións que reinterpretan a súa evolución e a sitúan no contexto artístico contemporáneo— contou cun alto número de visitantes, unha circunstancia que situou tanto no período de vacacións como no interese que o tema e as obras espertan entre o público.
“1921-2021. 100 anos da bandeira galega no Palacio municipal da Coruña” está comisariada por Manel Cráneo e Henrique Torreiro, quen, a través de diversos documentos históricos e co asesoramento do historiador Xosé Alfeirán, crearon un cómic que ilustra o nacemento e evolución da bandeira galega e que foi debuxado por Alberto Taracido e Rubén Rial. A exposición tamén inclúe unha selección de obras de ilustradores e ilustradoras da plataforma Coruña Gráfica que, en conxunto, ofrecen unha versión particular e persoal da bandeira galega en diversos contextos. Participan coas súas ilustracións Branda, Uxío Broullón, Aurora Cascudo, Iria do Castelo, Miguel Cuba, Alberto Díaz, Brais Fierro, Héctor Francesch, Alberto Guitián, Uxía Larrosa, Antón Lezcano, Jorge Peral, Perdivel, Xulia Pisón, Javier de la Rosa, Irene Sanjuán, Luis Sendón e Calros Silvar.