«Malas Linguas», debate e acción contra o neofranquismo lingüístico

Goretti Sanmartín na presentación en outubro do programa 'Malas Linguas'
Goretti Sanmartín, este martes.

 As xornadas, organizadas pola área de Normalización Lingüística da Deputación da Coruña, teñen o obxectivo de abrir un debate sobre o retroceso na normalización do galego e fornecer de argumentos para o seu uso.

«Malas Linguas», debate e acción contra o neofranquismo lingüístico

Malas Linguas é un programa de concienciación social e combate en prol do gal que a área de Normalización Lingüística da Deputación da Coruña, coordinada por Goretti Sanmartín, lanza para contrarrestar a ausencia de políticas públicas desde a Administración autonómica que confronten realmente cos continuados ataques contra a lingua propia do país.

 

O programa foi presentado esta mañá pola vicepresidenta da Deputación nun acto sinxelo e no que Goretti Sanmartín se mostrou contundente diante deses ataques. "O que queren é facernos interiorizar a idea de que o galego non serve. Queren facer unha incidencia nas persoas que usan o galego para intentar levalas a menos", advertiu. 

 

A vicepresidenta da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín, presentou hoxe as xornadas Malas linguas. Activando falantes para o século XXI coas que "contribuír a abrir un espazo de debate sobre as linguas e sobre o caso do galego, e afondar na necesidade de que o estado sexa de verdade democrático e plurilingüístico, no que todas as persoas poidan vivir e traballar na súa propia lingua".

 

Malas Linguas celebrará a primeira xornada o próximo martes (terza) 23 de outubro no Pazo de Mariñán en Bergondo. Baixo o epígrafe de "Lingua, discurso e políticas públicas", intervirán entre outras esa mañá Rosa Berrio, de SomEscola, Marcos Maceiras, da Mesa pola Normalización, e Jasone Mendizabal, do Proxecto Tosta. Pola tarde terán lugar as palestras do escritor e xornalista Diego E. Barros e dos filólogos e Tina Formoso e Nel Vidal sobre as experiencias dos servizos de normalización.

 

O programa completo pódese consultar nesta ligazón: https://www.dacoruna.gal/normalizacion-linguistica/malas-linguas/

 

"Queremos activar un argumentario para o galego para todas as persoas,un camiño polo que temos que transitar neste momento no que parece que se está a impoñer unha soa lingua, a hexemónica, e na que o resto son consideradas como linguas de segunda", destacou na súa intervención a vicepresidenta. Para isto, celebraranse catro xornadas entre outubro deste ano e abril de 2019 nas que se debaterá de políticas públicas e normalización, de memoria e transmisión familiar da lingua, de mocidade e de lingua e xéneros, cunha vontade de que “se abran marcos onde poder activar persoas en defensa do idioma, sexan galego ou castelanfalantes, así como dotarnos de ferramentas para combater todas as mentiras que se contan socialmente sobre as linguas, que nos din que unhas son mellores e outras peores, nesta situación de neofranquismo lingüístico na que nos atopamos”, explicou Goretti Sanmartín.

 

O público ao que van dirixidas son persoas que traballan diariamente en normalización lingüística e políticas relacionadas co galego, aínda que tamén poden inscribirse persoas con outros perfís. O prazo de inscrición estará aberto ata o próximo xoves, 18 de outubro, ás 9 horas.

«Malas Linguas», debate e acción contra o neofranquismo lingüístico