Liña pioneira no ámbito galego para favorecer a distribución de filmes galegos
A Deputación destina 124.000 euros á proxección comercial de 13 películas
"Un dos grandes problemas do sector audiovisual galego é a dificultade para a distribución e difusión dos contidos producidos e é nese ámbito xustamente onde quere incidir esta nova liña de axudas, que completa outras iniciativas da área de Cultura da Deputación da Coruña destinadas ao ámbito audiovisual, esencial para o fortalecemento da nosa cultura", sinala a vicepresidenta e responsable de Cultura da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín Rei. A nova liña é pioneira a nivel galego no ámbito da distribución de contidos audiovisuais e nesta primeira edición son once as empresas distribuidoras e produtoras beneficiarias que recibirán axuda para un total de 13 filmes. As axudas cobren o investimento en marketing, publicidade, dobraxes e subtitulados ou asistencia a festivais, entre outros conceptos. A iniciativa súmase á creación do programa Visións dentro da Rede Cultural para impulsar a difusión de contidos audiovisuais na programación cultural dos concellos, de maneira especial a difusión da produción audiovisual galega, ademais do apoio a festivais audiovisuais organizados por concellos e entidades como Curtocircuito, Cineuropa, Carballo Interplay, Mostra Curtametraxes Vila de Noia, Chanfaina Lab de San Sadurniño ou o novo festival Cinema Crianza de Ames entre os organizados polos concellos ou S8 e Freakemacine nos que promoven entidades.
As producións beneficiadas son:
DHOGS, ACANEA FILMS.
A BATALLA DESCOÑECIDA e O FUTURO DA MENTE, AGALLAS FILMS.
TROTE. FRIDA FILMS.
MEMORIAS DUN HOME EN PIXAMA, LADYBUG FILMS.
A ESTACIÓN VIOLENTA, MATRIUSKA PRODUCCIÓNS.
CO VENTO e O LEÓN DORME ESTA NOITE, NUMAX.
BEAUTIFUL BOY, Francisco Xosé Rodríguez Ordoñez.
O DESAFÍO DO SIL, SOCIALDOCS.
SICIXIA, VIA LACTEA FILMS.
SEA BESTS, VISIONERS ENTERTAINMENT.
O SOÑO DE PAPÁ, XAMALÚ FILMS.