"Implicadas no Desenvolvemento" e "Elas tamén pintan" gañan o Premio Begoña Caamaño
O certame recoñece iniciativas que contribúen á igualdade desde a cultura.
Implicadas no Desenvolvemento e Elas tamén pintan son os colectivos gañadores da segunda edición do Premio Begoña Caamaño de proxectos culturais pola igualdade que este mércores se fallou na sede da Deputación da Coruña.
Nesta segunda convocatoria do premio, o xurado destacou que as dúas candidaturas defenden, desde o ámbito da cultura, unha "perspectiva feminista cun grande impacto". Con respecto a Implicadas no Desenvolvemento, recoñéceselle "unha traxectoria sólida de vinte anos no ámbito da cooperación cultural, con proxectos de especial interese no encontro de culturas". Trátase, segundo anotan na explicación do fallo, dunha "proposta que crea pontes culturais mediante a relación de actividades de Galicia con colectivos do Sul, poñendo en cuestión as relacións de poder e hexemonía cultural".
En canto a Elas tamén pintan o xurado destaca "unha iniciativa promovida por xente nova que, mesmo cunha traxectoria aínda curta, presenta unha aposta clara nun ámbito moi novidoso e atractivo en que levan a ilustración ás rúas cunha presenza importante das mulleres e a implicación dos barrios en que actúan".