María Muíño adiantoulle ás entidades provinciais do sector da igualdade as liñas de traballo da Deputación para 2023
Na xuntaza que mantivo esta mañá na sede provincial, a deputada anticipoulle tamén aos representantes das asociacións que o seu departamento manterá para o 25N a mesma imaxe e lema, 'De fronte', que en edicións anteriores. "Volveremos programar", explicou, "actividades tanto presenciais como en liña, para contribuír así a poñerlle freo á violencia machista e xerar un amplo movemento social capaz de crear conciencia fronte ao feminicidio".
A deputada de Igualdade da Deputación, María Muíño, mantivo esta mañá unha xuntanza con entidades da provincia que traballan no campo da igualdade. O obxectivo era adiantarlles as principais liñas de actuación do seu departamento para ao vindeiro exercicio e presentar as propostas da campaña do 25N, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres.
Muíño, a quen acompañaron da técnica de Igualdade da Deputación, Eva Ovenza, e a asesora Silvia Seixas, anticipoulles aos representantes das asociacións que para o próximo 25N se manterá a mesma imaxe e lema, 'De fronte', que en edicións anteriores. "Volveremos programar", explicou, "actividades tanto presenciais como en liña, para contribuír así a poñerlle freo á violencia machista e xerar un amplo movemento social capaz de crear conciencia fronte ao feminicidio".
A actividades da campaña faranse públicas a comezos de novembro, pero Muíño aproveitou a reunión para pedir a colaboración das entidades. "Queremos a vosa cooperación, o mesmo que en anos anteriores, co obxecto de ampliar a difusión, ir da man na loita contra a violencia machista e chegar a todos os segmentos de idade posibles e en todo o territorio".
De cara a planificación do traballo conxunto entre o departamento provincial de Igualdade e as entidades da provincia para o vindeiro ano, a xuntanza centrouse nas axudas destinadas ao mantemento de programas de igualdade de oportunidades entre mulleres e homes e loita contra a violencia de xénero. "A través desta liña", asegurou a deputada, "mantemos o noso apoio a quen estades a facer un labor de intervención, en moitos casos profesional e especializado, en ámbitos aos que as administracións non chegamos como deberiamos".
En 2021, a campaña "De fronte" da Deputación da Coruña contou coa adhesión de 88 concellos ademais de 59 asociacións de carácter social, educativo, sectorial, cultural e deportivo.