Goretti Sanmartín insiste para que Madrid non esqueza Meirás

Pazo de Meirás. Familia Franco
As Torres do Pazo de Meirás, propiedade da familia Franco.

A Deputación da Coruña diríxese á Dirección Xeral de Memoria Histórica para que anime o goberno a iniciar accións xudiciais para recuperar o Pazo.

Goretti Sanmartín insiste para que Madrid non esqueza Meirás

"Instamos a que inicien, de inmediato, o procedemento xudicial dun inmóbel que está demostrado que era a vivenda de verán do Xefe do Estado e que, non só polo seu valor material senón tamén simbólico, ten que ser propiedade pública, para facer xustiza e recuperar a nosa memoria", incidiu a vicepresidenta da Deputación, a nacionalista Goretti Sanmartín, nunha misiva na que urxe ao goberno central a iniciar o proceso xudicial para recuperar o Pazo de Meirás. 

 

A comunicación, dirixida a Patrimonio Nacional e á nova Dirección Xeral de Memoria Histórica, advirte que a Deputación comprométese a colaborar na reclamación do inmóbel pola vía xudicial.

 

Nesta nova carta, a deputada do BNG lembra a que a Deputación da Coruña ten no seu poder, despois de ser solicitado pola Xunta pro Devolución do Pazo de Meirás, un informe xurídico que abre a posibilidade da vía xudicial de recuperación do inmóbel desde Patrimonio Nacional ao demostrar que pasou a mans de Francisco Franco a través dun acto de compra-venda ficticio. 

 

Nova Dirección da Memoria

A Deputación da Coruña remitiu tamén os informes xurídico e histórico á nova Dirección Xeral da Memoria Histórica que dirixe Fernando Martínez López co fin de "urxir a que inclúa o Pazo de Meirás na axenda inmediata do novo organismo, pola demanda social e política que existe sobre a súa recuperación". Ademais dos informes, a vicepresidenta da Deputación da Coruña remitiu un exemplar do libro Meirás, un pazo, un caudillo, un espolio de Carlos Babío e Manuel Pérez, un volume que dá conta da profunda investigación sobre a apropiación das propiedades situadas no concello de Sada por parte de Francisco Franco e a súa familia.

Goretti Sanmartín insiste para que Madrid non esqueza Meirás