"Sen Fronteiras", Muller e Migrante.
A área de Igualdade da Deputación da Coruña dedica o seu X Concurso de Viñetas ás mulleres migrantes. O certame conta con dúas categorías, unha de 12 a 14 e outra de 15 a 18 anos.
A área de Igualdade da Deputación da Coruña bota a andar o X Concurso de viñetas co lema Sen Fronteiras, Muller e Migrante. O prazo de presentación de traballos é de trinta días a contar desde a publicación da convocatoria no BOP o día 13 de marzo. Empregar a viñeta ou tira de viñetas para reflexionar, concienciar, visibilizar e mudar mentalidades en xeral, mais de maneira especial de adolescentes, sobre a dobre discriminación e o empoderamento das mulleres migrantes é o obxectivo deste X Concurso de Viñetas que vén de convocar a área de Igualdade da Deputación da Coruña.
Poderán participar mozas e mozos de entre entre 12 e 18 anos, individualmente ou en grupo, cunha obra inédita e escrita en galego, sen que as participantes fosen premiadas con anterioridade. A convocatoria achega tamén os ámbitos temáticos aos que se poden referir os traballos presentados. Por unha banda, en canto a dobre discriminación das mulleres migrantes segundo os seus códigos culturais, analizando tradicións, relacións sociais, familiares ou educación; a súa relixión, coa reflexión sobre as distintas crenzas e o seu papel social, ou a súa etnia, en especial investigando sobre as minoritarias e o papel que teñen as mulleres.
Os premios consistirán nun iPAD e colección de cómics para os primeiros premios e unha tablet e unha colección de cómics para os segundos. O prazo de admisión de obras ábrese o día seguinte á publicación das presentes bases no BOP o día 13 de marzo e péchase aos 30 días naturais. As bases completas e a maneira de presentar os orixinais pódense consultar na seguinte ligazón: http://bop.dicoruna.es/bopportal/publicado/2019/03/13/2019_0000001903.html