Dous millóns de euros e 1.797 actividades na Rede Cultural da Deputación 2018
A rede de espectáculos nos concellos da Coruña ofrece por vez primeira unha axenda global e un programa de promoción do galego.
A Rede Cultural artellada pola Deputación supón unha forte aposta pola difusión e a promoción do sector cultural cunha oferta que na edición de 2018 promoverá un total de 1.797 espectáculos, espallados polos 93 municipios que integran a provincia. Así, e co fin de potenciar o desenvolvemento de actividades culturais por todo o territorio, de maneira especial nos concellos pequenos, e de difundir a cultura galega, a Rede Cultural conta con dúas liñas de actuación que teñen por obxecto, dunha parte, cofinanciar a realización de actividades culturais xunto cos concellos, e doutra, apoiar ás entidades que pertencen ao sector.
"A Rede Cultural representa na actualidade unha das ofertas culturais máis importantes da Galiza e ten un significativo impacto na contribución ao sostemento do talento e a calidade das nosas creadoras e artistas", dixo Goretti Sanmartín, responsábel de Cultura da Deputación.
A nacionalista, apuntou tamén a intención de que coas case dúas mil actuacións programadas "se faga realidade o lema que promove a Deputación da Coruña, e a Cultura sexa un dereito do día a día, continuo e estable, e non fique reservado só para os días especiais ou de festa".
AXENDA
Haberá unha axenda na que se inclúen a totalidade dos espectáculos do circuíto cultural e na que se poden consultar os emprazamentos e os horarios das actuacións. A totalidade das actuacións que acollerán os concellos da Coruña coa Rede Cultural 2018 pódese consultar na seguinte ligazón da web Deputación da Coruña:
https://www.dicoruna.es/dicoruna-subtel/redcultural/agenda