A Deputación pide á CRTVG que reconsidere os cambios na programación da Radio Galega

O Pleno da Deputación da Coruña aprobou esta mañá unha moción cos votos favorables do PSdeG, BNG, Compostela Aberta e Marea Atlántica en que insta á dirección da Corporación de Radio e Televisión de Galicia (CRTVG) a manter as desconexións locais dos seus informativos radiofónicos e tamén a continuar coa emisión do programa 'Diario Cultural', tralo anuncio da compañía de suprimir ambos espazos da súa programación diaria.

A Deputación pide á CRTVG que reconsidere os cambios na programación da Radio Galega

A moción, que saíu adiante pese aos 16 votos en contra do Partido Popular, foi defendida pola vicepresidenta e responsábel da área de Cultura da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín, quen solicitou a CRTVG o mantemento das desconexións locais nos servizos informativos da Radio Galega pois, de acordo a súa condición de servizo público "manter estes espazos contribúe a garantir o dereito fundamental de acceso a información de proximidade para o conxunto da cidadanía galega". Respecto do Diario Cultural, Goretti Sanmartín subliñou que de consumarse a supresión deste programa radiofónico que leva 28 anos en antena "a información de calado cultural difuminarase entre os contidos xeralistas, informativos e de entretemento" e lembrou que "é unha obriga dos medios audiovisuais públicos difundir, afortalar e promocionar a lingua e a cultura galega" pois son elementos trabe da identidade propia de Galicia.

 

A Deputación da Coruña trasladaralle á dirección da CRTVG "a posibilidade de que reconsidere a súa decisión" ao respecto dos programas, pois ao tratarse de dous "contidos consolidados e cunha clara referencia horaria para a poboación, contribúen a garantir a información de proximidade e máis a pluralidade informativa".

 

Declaración institucional contra a sentenza da Manada

Previo inicio da sesión plenaria, o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, leu unha mensaxe de apoio a poboación da provincia de Pontevedra, nomeadamente a da localidade de Tui. Ademais e tras gardar un minuto de silencio polo pasamento do exdeputado da área de Cultura da Deputación da Coruña, Carlos López Crespo, a sesión plenaria de maio botou a andar coa lectura dunha declaración institucional en que totalidade do hemiciclo provincial expresou o seu “desacordo e indignación” co fallo da sentenza emitida pola Audiencia Provincial de Navarra no proceso xudicial, mediaticamente coñecido como La Manada.

A Deputación pide á CRTVG que reconsidere os cambios na programación da Radio Galega