A Deputación destina preto de 123.000 euros para instalar unha nova oficina de turismo en Padrón
A Deputación da Coruña destina, a través do Plan Único, 122.957 euros para financiar na súa totalidade un proxecto para a instalación dunha nova oficina de turismo no Concello de Padrón, substituíndo o pequeno quiosco que se destina actualmente para tal fin.
A actuación, que vén de saír a licitación na Plataforma de Contratación do Estado, permitirá mellorar a cobertura que o municipio dá aos seus visitantes, sendo Padrón un enclave turístico de primeiro nivel debido á súa influencia no Camiño de Santiago e á riqueza cultural, histórica e literaria do municipio, onde está a Casa-Museo Rosalía de Castro.
Os traballos a levar a cabo inclúen, en primeiro lugar, o desmonte da actual edificación, que poderá ser reutilizada polo Concello para outros usos e que quedaba pequena como oficina turística ao non contar cos medios nin a superficie adecuadas.
A nova instalación proxéctase como un edificio prefabricado, con vocación desmontable, que estará formada por dúas seccións claramente diferenciadas. Unha, a destinada á atención ao público, completamente acristalada e cun vestíbulo exterior cuberto e a outra, para os traballos de administración, que contará con despacho, aseo adaptado, arquivo e outras instalacións, executada con materiais pétreos e pechados.
Por outra banda, rodearase ao novo equipamento dun pavimento de grava branca redondeada que resaltará o emprazamento do edificio no céspede da parcela, resolvendo os accesos a este cun firme de lousas de pedra. Nos exteriores tamén está prevista a colocación dunha escultura co nome de Padrón, o transplantado da árbore existente, a recolocación dos paneis informativos exteriores e a instalación dun banco baixo o vestíbulo cuberto da oficina.
O prazo para presentar ofertas á licitación deste proxecto remata o 13 de maio e o tempo de execución dos traballos desde o comezo das obras será de 6 meses.