A Deputación da Coruña promociona os festivais de arte urbana da provincia na feira de Turismo Cultural de Málaga
A Deputación da Coruña volve participar na CM Málaga Cities & Museums International Trade Fair, un evento que celebra este ano a súa segunda edición os días 20 e 21 de xuño. Trátase dun foro que analiza e amosa o papel das institucións culturais e as súas diferentes propostas na transformación das cidades e da sociedade, máis tamén nos fluxos turísticos e culturais.
A Deputación da Coruña contará cunha presenza activa nos dous días de Feira, participando nunha mesa redonda sobre arte urbano o luns 20 e cunha conferencia sobre a arte contemporánea ao aire libre o martes 21, a cargo do vicepresidente e deputado de Turismo, Xosé Regueira. “Unha das apostas que está a realizar a Deputación na súa estratexia de promoción turística do territorio é a do turismo cultural, neste caso a través dos festivais de arte urbana que se desenvolven na provincia da Coruña e que levamos anos apoiando” explica Xosé Regueira. Neste sentido convén lembrar, que a institución provincial, a través da área de Turismo, convoca anualmente unha liña de axudas para financiar eventos de pintura mural de arte pública. De feito, en 2021 a Deputación apoiou o Cromático Mural Festo do Concello de Cambre con 22.241,55 €, o Festival Rexenera Fest do Concello de Carballo con 33.205,60 € e o DesOrdes Creativas do Concello de Ordes con 19.844,00 €.
Nesta edición, ademais da participación nas mesas e relatorios do programa, a Deputación da Coruña deixará na cidade de Málaga unha pegada permanente, a través dun mural que realizarán os artistas urbanos Mou e Sokram, do colectivo Mutante Creativo e coordinadores do Festival DesOrdes Creativas. O mural, que se realizará durante os días da Feira, estará ubicado nun equipamento municipal, denominado Centro Ciudadano Félix Ariza. O edificio foi proposto polo Goberno municipal de Málaga por tratarse dun dos equipamentos máis concorridos da cidade, posto que concentra a más de 700 familias como usuarias dun amplo catálogo de actividades de ocio e deporte, e por estar ubicado no acceso ao Campus Universitario, ao Hospital de referencia da cidade e á Ciudad de la Justicia de Málaga.
Intervencións
O martes ás 13h, e no marco do programa principal do ‘Simposio Internacional de Museos y Entidades Culturales’, intervirá o vicepresidente e deputado de Turismo, Xosé Regueira. O seu relatorio enmárcase nunha serie denominada ‘estudos de caso’, que buscan ofrecer ao público asistente experiencias contrastadas e exitosas que se desenvolven en diferentes contextos e sectores. O panel no que intervén Xosé Regueira leva por título ‘El (nuevo) museo híbrido. Hacia la construcción de experiencias’ e contempla outras catro intervencións a cargo de Rebecca Bailey, do Consello de Investigación de Artes e Humanidades de Escocia; Iñaqui Carnicero, director general de Agenda Urbana y Arquitectura, do Ministerio de Transportes, Movilidad y Agenda Urbana; e José Luis de Vicente, comisario e investigador cultural de Sónar+ D de Barcelona.
Na tarde do día anterior, o luns 20 ás 17:30h a Deputación participará nunha mesa redonda baixo o epígrafe ‘El Arte Urbano como elemento transformador del espacio público’ no marco das xornada técnicas, dirixidas exclusivamente a profesionais do ámbito da cultura. Nesta mesa redonda, estarán presentes dous festivais de arte urbano da provincia da Coruña: o DesOrdes Creativas, cunha intervención dos artistas urbanos que conforman o colectivo Mutante Creativo, e o Rexenera Fest, cunha intervención de Maite Parga, técnica de Turismo do Concello de Carballo.