A Deputación achega 40.000 euros para financiar o servizo de atención a visitantes do Centro Etnogáfico de Curtis e do Centro de Interpretación da Natureza de Coirós
A Deputación da Coruña dedica 40.120 euros para financiar a xestión do Centro Etnográfico de Curtis e o Centro de Interpretación do Entorno Fluvial do Río Mandeo en Coirós.
Ambas instalacións forman parte da iniciativa denominada "Proxecto Mandeo. Posta en valor das concas fluviais" cofinanciada polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional e a través da que se busca promover o desenvolvemento da conca do río Mandeo, neste caso no ámbito territorial dos municipios de Curtis e Coirós.
O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, asinou xunto cos rexedores de Curtis e Coirós, Javier Caínzos Vázquez e Francisco Quintela Requeijo, os convenios a través dos que o ente provincial achega un total de 40.120 euros para financiar a contratación do persoal necesario para a atención de visitantes e a organización de visitas. Tamén se inclúe no orzamento o material didáctico e promocional e os medios técnicos xerados no marco do proxecto Mandeo para o seu uso no centro.
"Estes espazos constitúen verdadeiros puntos de referencia para a interpretación e o coñecemento ambiental, cultural e etnográfico da contorna do río Mandeo, que forma parte do noso patrimonio natural", indicou na sinatura dos acordos o presidente provincial, Valentín González Formoso.
O Centro Etnográfico de Curtis, sito en Teixeiro, recibe a través do acordo de cooperación un total de 24.756,91 euros, que lle permitirá levar a cabo as tarefas mencionadas en horario de martes a venres de 10:00 h a 13:00 h e de 16:00 h a 19:00 e sábados e domingos de 10:00 a 13:00 horas.
No caso do Centro de Interpretación do Entorno Fluvial do Río Mandeo, sito no lugar de Chelo, en horario de venres de 10:00 h a 13:00 h e de 16:00 h a 19:00 h, e sábado e domingo de 10:00 h a 13:00 h e de 16:00 ha 19:00 h.