Cristina García presentou en Ribeira o POS+ 2024 para o Barbanza, Muros e Noia, en cuxa fase inicial a Deputación investirá 6,3 millóns
«Con esta ferramenta, no grupo provincial do BNG seguimos a traballar para que os concellos sexan máis eficientes na xestión do gasto e poidan tomar as decisións axeitadas de acordo coas súas necesidades, e para que os veciños e veciñas gañen en benestar»», explicou a deputada de Plans Provinciais e Asistencia a Municipios, a quen acompañou a súa compañeira e titular de Igualdade, Sol Agra.
As deputadas do grupo provincial do BNG, Cristina García e Sol Agra, visitaron hoxe a casa do Concello de Ribeira, onde a titular de Plans Provinciais e Asistencia a Municipios presentou o Plan Único da Deputación (POS+) e anunciou os investimentos da fase inicial: 964 729 euros para Ribeira; 6 360 635 para as comarcas do Barbanza, Muros e Noia, e 50 500 000 para a provincia da Coruña.
«Con esta ferramenta», explicou García Rey, «no grupo provincial do BNG seguimos a traballar para que os concellos sexan máis eficientes na xestión do gasto e poidan tomar as decisións axeitadas de acordo coas súas necesidades, e para que os veciños e veciñas gañen en benestar».
«O POS+», engadiu, «serve para o financiamento de obras e servizos públicos de todos os concellos da provincia e para que así os gobernos municipais teñan autonomía para xestionar os recursos públicos como mellor lles conveña, en función das súas particularidades e prioridades».
No caso de Ribeira, o Plan Único permitiu financiar parte do gasto corrente (iluminación pública, auga, parques e xardíns, persoal, etc.) e tamén algunhas obras coma a renovación da liña de auga potable, a construcción de parques cubertos no lugar da Ameixida e o saneamento de diferentes rúas, entre outras.