O Consorcio Contra Incendios estuda incorporar novos supostos de exención e bonificación de taxas
Tratarase de que as familias con baixos ingresos non teñan que aboar o servizo en caso de sinistro.
A deputada provincial Ánxela Franco participou este luns na reunión do pleno da Consorcio contra Incendios e Salvamento da Coruña. O consorcio tratou da posibilidade de de introducir cambios na ordenanza que regula as taxas que se pagan polo servizo, de tal xeito que as familias cunha soa vivenda e con ingresos inferiores ao 50% do IPREM non teñan que aboar as taxas dos bombeiros tras sufrir un sinistro.
Os cambios propostos suporían a exención de taxas en máis supostos que os previstos actualmente (catástrofes, servizos requiridos por xuíces ou forzas e corpos de seguridade do Estado, servizo de prevención realizados a instancia do propio Consorcio…) incorporando cuestións como as actuacións realizadas en vivendas que carezan de seguro e que sexan residencia habitual cando non se dispoña doutro inmoble residencial e os ingresos da unidade familiar non excedan per cápita o 50% do IPREM (Indicador Público de Renta de Efectos Múltiples).
Asimesmo, o Consorcio estudará tamén a proposta de bonificar con ata un 50% a taxa que pagan os concellos da provincia cando son suxeitos pasivos dunha intervención do Consorcio Provincial Contra Incendios.