"Compartimos Plan" completará a súa segunda fase en xullo
Celebraranse once foros noutras tantas comarcas para fechar a elaboración da diagnose do proxecto.
A Deputación da Coruña valida nas comarcas o resultado do programa Compartimos Plan, impulsado desde a área de Igualdade co fin de realizar unha diagnose de cara desenvolver de maneira máis eficaz as políticas de igualdade.
Despois das visitas a Fisterra, Sar, Barbanza, Muros e Noia, nesta última semana de xuño tocaralles a quenda ás comarcas de Arzúa e Melide. E durante o mes de xullo completarase a rolda de encontros nas 18 cabeceiras comarcais da Coruña, cos encontros na Coruña, Betanzos, Eume, Ortegal, Ferrol, Terra de Soneira, Bergantiños, Terra de Xallas, Santiago, Ordes e A Barcala.
As xuntanzas nas cabeceiras de comarca e unha iniciativa de dinámica grupal porán fin á fase previa ao deseño de estratexias de actuación no traballo pola igualdade. "Con esta fase de elaboración da diagnose cotéxanse os resultados obtidos e danse a coñecer as primeiras avaliacións dos datos obtidos. Queremos que Compartimos plan sexa unha ferramenta para todas as administracións ademais de empresas e colectivos para coñecer a fondo a realidade social e os medios para actuar de maneira máis eficaz no traballo para a igualdade", sinala Ánxela Franco, deputada de Benestar Social, Educación e Igualdade.
Nestes encontros achegaranse os principais resultados da diagnose en cada comarca de referencia, obtidos a través de diferentes instrumentos, como entrevistas, cuestionarios, e tamén trala revisión de fontes estatísticas secundarias.