A Deputación destina 150.000 euros para a distribución audiovisual en lingua galega

Cultura apoiará a distribución de productos audiovisuais en galego (1)
Cultura apoiará a distribución de productos audiovisuais en galego.

A área de Cultura que dirixe a tamén vicepresidenta Goretti Sanmartín promove unha acción única no panorama cultural galego. 

A Deputación destina 150.000 euros para a distribución audiovisual en lingua galega

Apoiar a distribución, comercialización e exhibición audiovisual en lingua galega e poñer fin á dificultade de que os filmes na nosa lingua cheguen ao público son os obxectivos da nova liña de axudas á que a Deputación da Coruña destina un orzamento de 150.000 euros que saiu publicada no BOP do 28 de marzo e terá o prazo de presentación aberto até o vindeiro 8 de maio.

 

“Consideramos que a publicación desta nova liña que une apoio á cultura e á lingua galega é unha moi boa noticia para o sector audiovisual mais tamén para a veciñanza porque facilitará o acceso a contidos audiovisuais na nosa lingua”, explica Goretti Sanmartín para quen a novidosa acción cultural busca poñer fin “á anomalía que é a dificultade de asistir á proxección dos contidos audiovisuais de altísima calidade que se están a producir na nosa lingua”.

 

A convocatoria da Deputación da Coruña considera dúas modalidades, unha de apoio aos contidos audiovisuais galegos (longametraxes, curtametraxes, documentais...) para a súa distribución e exhibición en lingua galega (VO, VOSG ou dobraxe ao galego) e outra para a distribución en lingua galega de contidos audiovisuais non galegos. As bases entenden como distribución, exhibición e comercialización aquelas actividades que teñen por obxecto  a promoción e difusión de producións cinematográficas e audiovisuais (ficción, documental e animación), de calquera duración e en calquera dos formatos e medios de difusión. As producións que concorran a esta convocatoria terán que estar en lingua galega e tamén facer a publicidade e promoción na nosa lingua. A axuda non poderá superar o 80% do orzamento subvencionábel, cunha cantidade máxima por proxecto de 30.000 euros. O orzamento destinado en 2018 a esta liña é de 150.000 euros.

 

A área de Cultura da Deputación da Coruña contribúe tamén á difusión de contidos audiovisuais na nosa lingua a través de Visións, o novo programa da Rede Cultural que difunde contidos audiovisuais nos concellos da provincia.

A Deputación destina 150.000 euros para a distribución audiovisual en lingua galega