En apoio das vítimas da explotación sexual en Ferrol
A deputada de Igualdade e Benestar Social visita o centro das Oblatas que atende cada ano case trescentas mulleres con programas formativos, sanitarios e asistenciais.
O centro de Ferrol das Irmáns Oblatas chegou o pasado ano a un total de 262 mulleres que traballan na prostitución en 15 clubs e 33 pisos da comarca. Son os datos que manexa o coordinador do centro, Roberto Ferreiro, que, xunto co persoal da entidade se reuniu esta mañá coa deputada de Igualdade e Benestar Social, Ánxela Franco.
A deputada de Igualdade e Benestar Social interesouse pola situación do colectivo de mulleres que traballan en centros de compra de sexo e, segundo os datos que se manexan na entidades, unha inmensa maioría -máis do 90%- son mulleres estranxeiras, grande parte sen regularizar a súa situación e unha inmensa maioría con interese en deixar ese mundo no que maiormente están como vítimas de explotación.
"Desde a Deputación da Coruña apoiamos o labor que desenvolven as Oblatas neste centro que se converte en casa que acolle a tantas mulleres que precisan sentirse arroupadas e recibir apoio tanto no ámbito formativo como sanitario ou mesmo afectivo", sinalou a deputada Ánxela Franco que agradeceu o esforzo e o compromiso do equipo de traballo do centro de Ferrol.