183,6 millóns de orzamentos co Plan Único como principal programa
O pleno da Deputación da Coruña, aprobou hoxe, cos votos favorables do PSdeG-PSOE, BNG, Marea Atlántica, Compostela Aberta e Alternativa dos Veciños e o voto en contra do Partido Popular, o orzamento da institución provincial para o exercicio 2019.
O orzamento ascende a 183.609.300 de euros. Isto supón un incremento de 4,65 millóns de euros, un 2,60% máis que no presente exercicio. Un ano máis, todos os investimentos e plans da Deputación financiaranse con recursos propios, sen apelación ao crédito, polo que se manterá a situación de “débeda cero” que caracteriza a xestión económica da institución provincial durante este mandato. O principal programa de investimentos volve ser o Plan Único (POS+2019), dotado cun 61,5 millóns de euros (44,7 millóns consignados no orzamento e 16,8 millóns xa aprobados nun expediente de modificación de créditos no pleno do pasado mes de setembro ), unha cantidade que representa un terzo do total do orzamento aprobado hoxe. Esta cifra, ao igual que nos anos anteriores, irá incrementándose progresivamente ao longo do exercicio coa incorporación de remanentes.
O voceiro do BNG, Xosé Regueira, defendou o Plan Único comparándoo co plan do anterior goberno provincial, o DTC. "Os concellos da provincia reciben agora o dobre de fondos, porque o plan do PP priorizaba o investimento nas cidades", afirmou o nacionalista, encargado da xestión do Plan Único indicou que a misión principal da Deputación é apoiar aos pequenos municipios, con menos recursos técnicos e económicos.
Cultura e Deportes, con 15,1 millóns consignados (un 10,76% máis); Acción Social, con 11,8 millóns (+ 8,7%) e Vías e Obras, con 18,8 millóns (+7,5%) experimentan importantes subas no orzamento de 2019.