A área de Normalización Lingüística inaugura en Ferrol a exposición que reivindica o legado de Carvalho Calero

O presidente provincial, Valentín González Formoso, e a deputada do BNG, María Muíño, inauguraron a mostra, composta por 15 paneis nos que se repasa a biografía e obra do autor ao que se lle dedica este ano o Día das Letras Galegas
A área de Normalización Lingüística inaugura en Ferrol a exposición que reivindica o legado de Carvalho Calero

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, a deputada de Normalización Lingüística, María Muíño, o alcalde de Ferrol, Ángel Mato, e representantes dos diferentes grupos políticos representados na corporación ferrolá  inauguraron hoxe na céntrica praza de Armas da cidade naval unha exposición na que se repasa a vida e a obra de Ricardo Carvalho Calero, ao que se lle dedicou este ano o Día das Letras Galegas.

 

A través de 15 paneis instalados ao aire libre, a mostra reivindica o prolífico e polifacético legado do autor ferrolán, cuxa obra abrangeu todos os xéneros.

"Carvalho Calero deixou pegada coma docente, historiador, crítico literario, investigador, lingüista e autor de novelas, poesía, obras de teatro e ensaios, amosando sempre un gran compromiso coa historia e a cultura galega", afirmou Valentín González Formoso, que manifestou o seu desexo de que esta exposición sirva tamén para reivindicar a súa figura como un dos grandes persoeiros da cultura galega e súa estreita vinculación con Ferrol,a cidade que o veu nacer, ao longo da súa vida".

A deputada María Muíño explicou que "tiñamos claro que esta exposición tiña que arrincar en Ferrol, a cidade natal do autor" e lembrou que "ideouse para que comezara no mes de maio en diversas cidades pero non puido ser así por mor da COVID-19". Tamén agradeceu "o inmenso e magnífico traballado realizado polas persoas encargadas da súa elaboración" e deixou claro "o compromiso por parte da Deputación de seguir contribuíndo á divulgación da figura de Carvalho Calero no ano 2021".

O alcalde de Ferrol, Ángel Mato, anunciou que "no vindeiro ano, polo menos aquí na súa cidade natal e na medida das nosas posibilidades, trataremos de facerlle xustiza á figura de Carvalho Calero e queremos empezar hoxe con esta exposición".

Mestre de Compromisos

A mostra da Deputación da Coruña componse de quince paneis nos que se repasa a vida e obra do autor, desde o seu nacemento o 30 de outubro de 1910 na rúa San Francisco de Ferrol Vello ata o súa morte en 1990.

O seu paso pola Universidade de Santiago, onde cursou Filosofía e Letras e Dereito e chegou a ser o primeiro catedrático de Lingua e Literatura Galega, o decisivo papel da súa esposa, María Silgar, na súa carreira; a forxa do galeguismo que impregna toda a súa traxectoria vital e intelectual; a súa amizade con Álvaro Cunqueiro e Francisco Fernández del Riego, os seus anos como docente no Colexio Fingoi de Lugo ou os seus estudos sobre a gramática e a literatura galega contemporánea son algúns dos aspectos tratados nos paneis que desde hoxe ocupan a Praza de Armas de Ferrol.

A área de Normalización Lingüística inaugura en Ferrol a exposición que reivindica o legado de Carvalho Calero