Igualdade da Deputación da Coruña pon o foco este 8M no moito que queda por facer no feminismo

María Muíño. BNG
María Muíño. BNG
Organiza un foro, un programa de encontros en rede e ferramentas para a mocidade son algunhas das propostas para o Día das Mulleres
Igualdade da Deputación da Coruña pon o foco este 8M no moito que queda por facer no feminismo

As mulleres padeceron de maneira especial os efectos da Covid19 e, neste 8 de marzo, a área de Igualdade da Deputación da Coruña quere poñer o foco nas reivindicacións que son aínda máis urxentes nesta situación cun programa que inclúe un foro, un programa de encontros e reflexións ademais de ferramentas dixitais para a mocidade.

"Moito por cambiar, por mover, por concienciar, por educar, por entender, por compartir, por crear, por gozar, por vivir..." é o lema da campaña da Deputación. O lema da área de Igualdade da Deputación da Coruña xoga co 8M para construír un "Moito" que repara nas moitas reivindicacións feministas que quedan aínda por conseguir, de maneira especial, nun ano como este en que a COVID 19 puxo sobre a mesa de maneira aínda máis clara as desigualdades existentes.Así o destacou a deputada de Igualdade, María Muíño, que presentou o programa xunto coa asesora da área, Silvia Seixas e a técnica, Eva Ovenza.

Ademais do foro "Moito por compartir" no que se analizará a situación e propostas de futuro, o programa inclúe tres espazos de reflexión con especialistas sobre temas de actualidade sobre o impacto da pandemia nas mulleres. "Saúde, corpos e violencias" coa médica e investigadora, Lola Ferreiro e a psiquiatra e divulgadora Iria Veiga, "Emprego, precariedade e feminización da pobreza", coa sindicalista Margarida Corral e Marta R. Boo da Asociación de Estudos Laborais Feministas e "Coidados e sustentabilidade das vidas", coas sociólogas e investigadoras Antía Pérez e Marina Sagastizabal.

A deputada María Muíño destacou que a idea forza da campaña é "a plena vixencia das reivindicacións das mulleres e colectivos feministas, máis aínda neste momento que estamos a vivir en que temos grandes retos e se demostrou que os colectivos que estaban na primeira liña eran altamente feminizados". Neste sentido, como apuntou, as distintas iniciativas analizarán como están a vivir as mulleres este tempo e reflexionarán arredor dos retos e as liñas e enfoques do traballo en igualdade coa participación de colectivos profesionais e técnicos e persoas interesadas en construír un futuro sen discriminacións.

Segundo a deputada, a intención "é desenvolver unha campaña que deixe pegada e, os propios encontros quedarán plasmados no volume "Moito por espallar" e haberá tamén unha acción destinada especificamente á adolescencia, centrada nas redes sociais para contribuír á eliminación das desigualdades no entorno dixital e nunha idade especialmente interesante para a formación en igualdade.

A asesora de Igualdade, Silvia Seixas, explicou que practicamente a totalidade dos concellos participaron no proceso de definición das actividades e serán difusores dunha campaña que, como lembrou, está contida tamén na declaración institucional aprobada no pleno do pasado venres co voto favorable de todos os partidos da corporación na que, entre outros acordos, se recolle o impulso á Rede de Concellos pola Igualdade tal e como se contempla na Diagnose e plan de acción de igualdade co obxectivo de que mediante a colaboración e a coordinación as medidas e accións teñan o maior impacto posible e contribúa deste xeito a unha maior prevención, formación e acompañamento. Recoñécense tamén as convocatorias do feminismo galego que neste 2021 colocan no centro do debate os coidados e as consecuencias para as mulleres do sistema económico, social e político no que vivimos, agravadas polo impacto da pandemia da covid-19.

Espazo de reflexión e debate

Tanto no foro como nas tres conversas facilitadas en liña, reflexionarase sobre os retos relacionados coa posición das mulleres na mercado laboral, co seu rol de principais responsables dos coidados e da sustentabilidade das vidas e sobre as interseccións da COVID-19 coas violencias machistas e os seus efectos específicos nos corpos e na saúde das mulleres.

Dirixida a profesionais do ámbito da igualdade nun sentido amplo (administración pública a todos os niveis; saúde; coidados; educación; terceiro sector; etc.) esta programación ten ademais por obxectivo fomentar o traballo en rede no ámbito local e provincial, esbozando colaborativamente as liñas estratéxicas do futuro dunhas políticas post-COVID que deberán integrar necesariamente a perspectiva de xénero.

A participación nos diferentes espazos é aberta e gratuíta, mais precisa de inscrición previa a través do seguinte formulario i.gal/oitoM

Todo este proceso, xunto coas súas principais conclusións, será documentado xerando unha pequena publicación dixital que funcionará como inspiración, devolución e documento base para o traballo posterior. Por último, e no contexto deste mes de marzo, a área de Igualdade da Deputación da Coruña quere apoiar á mocidade no seu papel como axente de cambio, facilitándolle a mozas e mozos ferramentas referentes para xerar discursos alternativos dende os que fomentar a igualdade e actuar ante o machismo e a LGBTIfobia. Farase a través do deseño e difusión dun material didáctico que incorporará entrevistas en vídeo a mulleres referentes no cruce das TICs cos feminismos, animando á mocidade a xerar contido orixinal co que amplificar a conversa nas súas redes.

Programa

Actividade aberta e gratuíta Inscricións en i.gal/oitoM #OitoM,

Moito por compartir

Como porta de entrada a este proceso de reflexión e traballo, o programa dará comezo co desenvolvemento dun Foro. Trátase dun encontro no que recoñecer as dificultades do momento actual, compartindo os efectos da COVID-19 nos nosos procesos de traballo, nos resultados e sobre nós mesmas. Un arranque desde o que identificar de que maneira todo o sucedido está a afectar tamén nun plano persoal, habitando a vulnerabilidade como profesionais do ámbito. Un espazo imprescindible para poder continuar nun contexto de complexidades e incertezas.

11 de marzo, de 17:00 a 19:00 h. A través de ZOOM #OitoM,

Moito por reflexionar

Unha serie de tres diálogos e espazos de reflexión desde os que compartir análises acerca dos efectos da COVID-19 na situación das mulleres. A través de diferentes miradas e experiencias, poñeremos en común como estamos a percibir eses efectos dende os nosos ámbitos profesionais, imaxinando a continuación as estratexias que podemos articular para minimizar eses impactos.

Saúde, corpos e violencias

Con Lola Ferreiro (Licenciada en Medicina e Cirurxía, Catedrática de Procesos Sanitarios, docente e investigadora) e Iria Veiga (Médica psiquiatra e divulgadora científica) 16 de marzo, de 17:00 a 19:30 h. A través de ZOOM

Emprego, precariedade e feminización da pobreza

Con Margarida Corral (Secretaría Confederal das Mulleres da CIG) e Marta R. Bóo (Asociación de Estudos Laborais Feministas - ASELAFEM) 25 de marzo, de 17:00 a 19:30 h. A través de ZOOM

Coidados e sustentabilidade das vidas

Con Antía Pérez Caramés (Doutora en Socioloxía, investigadora e profesora na Universidade da Coruña) e Marina Sagastizabal (Doutora en Socioloxía, investigadora e profesora na Universidade do País Vasco / Euskal Herriko Unibertsitatea) 23 de marzo, de 17:00 a 19:30 h. A través de ZOOM #OitoM,

Moito por espallar

Igualdade da Deputación da Coruña pon o foco este 8M no moito que queda por facer no feminismo