Sol Agra denuncia a falta de recursos para facer fronte nas aulas ós discursos contra a memoria histórica
«A Deputación non ten capacidade lexislativa, pero na nosa área de goberno consideramos un deber a promoción de actividades que axuden a mellorar a sociedade e que reforcen os valores de convivencia, liberdade e igualdade», dixo a deputada do BNG na presentación de 'Fai memoria', a xornada que se celebra hoxe no centro sociocultural Maruxa e Coralia compostelán, organizada polo departamento provincial de Dereitos Civís.
Sol Agra denunciou hoxe a falta de recursos para enfrontar nas aulas os discursos contra a memoria histórica. Fíxoo na presentación de 'Fai memoria', a xornada que se celebra no centro sociocultural Maruxa e Coralia compostelán, organizada polo departamento provincial de Dereitos Civís, do que á deputada do BNG é titular.
«Asistimos con moita preocupación», lamentou Agra, «á deriva social de intransixencia, discursos de odio, movementos racistas, homófobos, LGTBIfóbicos e fascistas, que ocupan algunhas mensaxes políticas e que se trasladan ós medios de comunicación, ás redes sociais, ás actitudes e opinións de, cada vez, máis xente moza, e de aí ás aulas, onde moitos docentes se atopan sós, sen apoio, sen recursos e sen estratexias para facerlles fronte».
Segundo a deputada, «a Deputación da Coruña non ten capacidade lexislativa, pero na nosa área de goberno consideramos un deber a promoción de actividades que axuden a mellorar a sociedade e que reforcen os valores de convivencia, liberdade e igualdade».
‘Fai memoria’ naceu con dous obxectivos fundamentais, segundo explicou Agra: «Por un lado, para dotar de recursos, ideas de iniciativas e propostas de actuación que se poidan aplicar nos centros educativos, para aquel profesorado que sexa sensíbel á necesidade de traballar co alumnado aspectos e persoas da nosa historia que se invisibilizaron». «E por outro», engadiu, «para crear un espazo de encontro para que poidades coñecervos e partillar inquedanzas, iniciativas e tamén preocupacións ó respecto dos temas que aquí imos tratar».
A deputada rematou á súa intervención compartindo co auditorio a decisión do seu departamento de organizar a xornada «arredor de tres preocupacións fundamentais: a carencia de contido docente para tratar a memoria democrática nas aulas; o branqueamento que se está a facer en algúns contidos educativos de partes da nosa historia, sobre todo no tocante ós ideais da República e ó golpe de estado que instaurou o fascismo en España durante 40 anos; e a invisibilización e mesmo deturpación da historia de persoas, nomeadamente mulleres, que deberían ser postas en valor nas aulas para que sirvan de referentes ás novas xeracións».