Sol Agra pon en valor o traballo do seu departamento a prol da igualdade e os dereitos LGBT na homenaxe da Deputación á activista trans coruñesa Trinidad Falcés

Maseda, Bugallo, Marey, Agra e Ferreiro, na inauguración da Mostra
Maseda, Bugallo, Marey, Agra e Ferreiro, na inauguración da mostra
«Teño a honra de dirixir a mellor área política da Deputación: Igualdade, Lingua e Dereitos Civís; tres espazos que ocupan tamén, as máis das veces, as marxes, porque desde a ‘corrección’ política nos queren invisibilizar para sacarnos só nas datas sinaladas, deixándonos existir máis se se nos nota menos, como á xente do colectivo LGBT», salientou a deputada na inauguración da exposición 'Relembrado a Trini', esta tarde na Biblioteca Municipal Durán Loriga, da Coruña.
Sol Agra pon en valor o traballo do seu departamento a prol da igualdade e os dereitos LGBT na homenaxe da Deputación á activista trans coruñesa Trinidad Falcés

Sol Agra inaugurou esta tarde na Biblioteca Municipal Durán Loriga, da Coruña, a exposición ‘Relembrando a Trini’, unha iniciativa da área de Igualdade da Deputación para homenaxear a Trinidad Falcés, histórica activista trans coruñesa, pioneira e figura esencial en España na loita polos dereitos do colectivo LGBT. Acompañaron a deputada Fito Ferreiro, da Asociación Palestra, e Sergio Marey,  comisario da mostra, que poderá visitarse ata o 20 deste mes. 

Na súa intervención, Agra puxo en valor o traballo do seu departamento a prol da igualdade: «Teño a honra de dirixir a mellor área política da Deputación da Coruña: Igualdade, Lingua e Dereitos Civís; tres espazos que ocupan tamén, as máis das veces, as marxes, porque desde a ‘corrección’ política nos queren invisibilizar para sacarnos só nas datas sinaladas, deixándonos existir máis se se nos nota menos, como á xente do colectivo LGBT».

«Esta», dixo Agra, «é unha homenaxe a unha muller á que lle impuxeron un xénero que non se correspondía co seu e se revelou contra a imposición, malia a represión e o medo». «Trinidad Falcés», lembrou, «naceu en 1943, en plena ditadura, tempos difíciles, nos que ser muller era complicado, e ser muller nun corpo de home era imposíbel».

A mostra non é a primeira iniciativa da Deputación para reivindicar a Falcés, como explicou Sol Agra na súa intervención: «En 2022, recollemos un pouco da historia de Trini, contada por ela mesma, no libro antolóxico Memoria diversa, que Eva Mejuto preparou despois do primeiro congreso do mesmo nome que organizamos desde a área de Igualdade». «Pero non nos chegou», engadiu, «porque a historia de Trini merecía unha homenaxe, un recoñecemento á súa decisión e loita polos dereitos de todas nós, pois os dereitos de quen non se resigna á norma que a sociedade e as leis impoñen son os dereitos de todas as persoas, e permítennos vivir nunha sociedade máis xusta e igualitaria».

Para Agra, Falcés foi unha pioneira «non porque fose a primeira muller trans en Galiza ou no estado, persoas con diversidade de xénero e sexual hóuboas sempre,  senón porque foi das primeiras que se atreveu a saír dese armario no que moites sofren e sobreviven, e ela mostrouse tal como se sentía, aínda que iso implicase insultos, tortura, cadea, desprezos, prostituírse e malvivir economicamente até a morte». 

«Trini encheu o seu armario de roupa de cores e saíu del para collerse da man de xente valente coma ela, agarrando as faixas nas primeiras manifestacións despois da morte do ditador, de fronte á intransixencia e á imposición, decidida a facerlle ver á sociedade da época que existían, que saían das marxes onde as querían agochar para poñerse no centro,  irreverente, rebelde, orgullosa, alegre, para vivir, porque o importante é vivir, non sobrevivir», louvo a titular de Igualdade.

Tamén avisou Agra de que queda moito traballo polos dereitos colectivo cuir: «Moita hipocresia e moito por visibilizar aínda; moita memoria da que sentirnos orgullosas tamén, e por iso Sergio Marey recuperou a Trini para nós, para que todas e todos poidamos coñecer de onde vimos, para que o branqueamento de tempos tan duros como os que viviu Trini non volvan, e para que construamos unha sociedade na que todes podamos vivir sen medo, sendo libres para ser e sentir».

A inauguración foi espazo tamén para dúas charlas: ‘Situación trans onte, hoxe e mañá’, da activista trans Laura Bugallo, e 'Cuiruña e a importancia da literatura cuir', de Diego Maseda, coordinador do club de lectura cuir da Rede de Bibliotecas da Coruña. Para todos os intervenientes tivo Agra palabras de gabanza. 

«O noso agradecemento a este artista global, Sergio Marey, porque os seus proxectos son como Trini, rebeldes e orgullosos, e el tampouco se agocha para vivir comodamente, e podería!, pero a súa valentía demóstraa na súa obra e na súa vida, por iso a miña admiración por el é total. Como é a que sinto por Laura Bugallo, porque tamén se enfrontou ó mundo para ser coherente consigo mesma, e deixou o status de privilexio de ser home para ser o que sentía, unha muller feminista lesbiana, comunista e galego falante!».

Agra agradeceu tamén «a colaboración de Fito Ferreiro e da súa humanidade, que fixo a vellez de Trini máis amábel», e o traballo de Diego Maseda, coordinador do club de lectura cuir da Rede de Bibliotecas da Coruña, «que é un referente na promoción da literatura cuir».

A deputada rematou a súa intervención lembrando a Marcos López, coordinador do congreso 'Memoria Diversa' e loitador polos dereitos do colectivo LGTBI: «Marcos finou o ano pasado, deixándonos un gran baleiro; era un referente e facíanos moita falta, pero seguiremos o camiño que nos marcou "para que poidamos seguir tecendo redes e construíndo un futuro de liberdade, visibilidade e dignidade para as diferentes formas de sermos e amarmos alén das marxes”, como el dixo».

Sol Agra pon en valor o traballo do seu departamento a prol da igualdade e os dereitos LGBT na homenaxe da Deputación á activista trans coruñesa Trinidad Falcés