Igualdade da Deputación da Coruña apoiará oito proxectos co Premio Luísa Villalta
Á terceira edición chega a convocatoria do Premio Luísa Villalta da Área de Igualdade da Deputación da Coruña a través da que se apoiará un máximo de oito proxectos que recibirán até 12.500 € cada un.
"O Luísa Villalta ten a vontade de apoiar as iniciativas presentadas por persoas ou empresas que teñen como obxectivo deseñar e desenvolver proxectos de interese para contribuír á igualdade co cal consideramos que é unha convocatoria singular e de grande relevancia dentro da nosa área", explica a deputada de Igualdade, María Muíño.
Para presentar a nova convocatoria do premio, a deputada destaca os proxectos apoiados en edicións anteriores que supuxeron "iniciativas imaxinativas, distintas, con grande impacto social e cunha pegada forte no avance da igualdade". Até o momento, a través do Premio Luísa Villalta a área de Igualdade da Deputación da Coruña apoiou vinte proxectos entre os que se atopan algúns audiovisuais como a película Nación de Margarita Ledo, o documental Dorothé na Vila de Alejandro Gándara, Luz Fandiño, a poeta analfabeta, de Sonia Méndez, obras teatrais como Invisibles, Elisa e Marcela ou Juana Docencia ou proxectos que reivindican as mulleres na arte, na pesca ou na empresa, entre outras.
Os proxectos terán que poñer en valor o papel histórico, económico, social e cultural das mulleres ou contribuír de forma relevante ao avance do asentamento social da aposta pola igualdade, a loita contra violencia, a diversidade sexual e intersecionalidade. Como principios das candidaturas presentadas será a filosofía integradora e transversal do enfoque de xénero, a sensibilización arredor da desigualdade, ou o empoderamento das mulleres.
Poderán presentarse as persoas físicas ou xurídicas que, no momento de facer a solicitude estean constituídas como profesionais no réxime de persoas autónomas ou como entidades de economía social e, ou, empresas. Convócanse oito premios por un importe máximo de 12.500 €. As bases publícanse no BOP deste 15 de marzo e dentro duns días farase público o día de apertura do prazo de presentación que rematará o vindeiro 30 de abril.
A iniciativa quere tamén divulgar a obra e a figura de Luísa Villalta, destacada representante da cultura galega contemporánea, tanto no ámbito musical como no literario e do activismo e compromiso social coa transversalidade e o enfoque de xénero na súa escrita, a prol da loita pola igualdade real e o apoderamento das mulleres.