Igualdade da Deputación da Coruña apoia o labor do centro "O Mencer" coas mulleres vítimas da explotación sexual na comarca de Ferrol
A deputada de Igualdade, María Muíño, visitou o centro "O Mencer" que xestiona a orde das Oblatas co obxectivo de apoiar as mulleres vítimas da explotación sexual. Na reunión coa directiva do centro, Muíño comprometeu o apoio da Deputación que colabora con entidades que loitan pola igualdade, en especial, para as que contribúen a eliminar "a maior das discriminacións que é a da explotación das mulleres".
Na súa visita ao centro, María Muíño coñeceu de primeira man a actividade das Oblatas no centro de Día "O Mencer" e dirixiuse con distintos membros da entidade que ten como obxectivo favorecer o desenvolvemento integral e a autonomía das mulleres que están en situación de prostitución ou son vítimas da trata.
A deputada de Igualdade destacou a urxencia de "traballar para apoiar as mulleres que pasan por estas situacións tan duras e tamén, ao tempo, desenvolver un labor intenso de sensibilización social e denuncia para impedir que estas situacións inxustas e insoportábeis de explotación continúen existindo porque poñen en cuestión a sociedade na que vivimos".
O Centro "O Mencer" traballa en tres ámbitos de actuación, por unha parte a atención integral das mulleres con liñas de traballo como o desenvolvemento de programas formativos socio sanitarios, difusión de materiais de prevención nos propios contextos onde se produce a prostitución e tamén atención psicopedagóxica e educativa, e apoio xurídico, social e de inserción socio laboral no seu centro de día. Ademais, realiza tamén traballo na liña de formación e sensibilización no propio equipo e voluntariado e tamén dirixida a axentes sociais, veciñanza e mesmo en centros educativos. Finalmente, a entidade investiga a situación da prostitución para realizar unha análise da realidade de cara á intervención.
"Para nós é fundamental traballar man a man coas entidades que traballan pola igualdade e a eliminación da discriminación das mulleres e, neste sentido, temos que recoñecer o papel que cumpre "O Mencer" coas mulleres máis vulnerábeis, as que son vítimas dunha trata que unha sociedade como a nosa non debía permitir e só se explica pola desigualdade que aínda padecen as mulleres", apuntou María Muíño.
No pasado ano, un total de 68 mulleres participaron na actividade de identificación de necesidades, 21 na de intervención a nivel social e xurídico, 26 recibiron apoio psicolóxico, 36 nos obradoiros de habilidades sociais e nos laborais, e 15 no curso auxiliar sociosanitaria para persoas dependentes. As participantes chegaron ao centro por traballo realizado directamente na rúa, a través dos servizos sociais municipais e tamén por outras entidades sen ánimo de lucro.
O Centro destaca tamén os bos resultados da súa actuación xa que de 54 persoas que iniciaron o proceso no programa 50 chegaron ao seu fin e de 15 que iniciaron o obradoiro de auxiliar socio sanitaria, 10 conseguiron o certificado. Importante é tamén o nivel de inserción laboral xa que 13 mulleres conseguiron emprego en empresas xeriátricas e servizos de axuda a domicilio.
De cara este ano, o Centro "O Mencer" vén de solicitar apoio da Deputación da Coruña a través das liñas de axuda da área de Igualdade para desenvolver un programa no que se contempla a identificación de necesidades coas propias participantes, a intervención a nivel social e xurídico, o apoio psicolóxico en todo o proceso de inserción laboral e a formación necesaria para se inseriren no mundo do traballo con obradoiros e cursos ademais da xestión dunha bolsa de emprego do centro.