O INVESTIMENTO MEDRA ATA OS 240,5 MILLÓNS DE EUROS, UN 8,26 % MÁIS QUE EN 2024

Regueira salienta o esforzo investidor da Deputación fronte a Xunta e o Goberno estatal na presentación dos orzamentos provinciais para 2025

Regueira, durante a súa intervención na presentación dos orzamentos, hoxe na sede provincial
Regueira, durante a súa intervención na presentación dos orzamentos, hoxe na sede provincial
«Se desaparecese o labor de fomento da Deputación da Coruña no ámbito territorial da provincia, seguramente caerían a maioría dos tecidos cultural e deportivo, e xa non digamos o labor de planificación e de investimento dos concellos: dos 93 municipios coruñeses, á parte as cidades e as grandes obras hidráulicas da comunidade autónoma, as máis de mil obras públicas que se fan na provincia teñen detrás o esforzo investidor da Deputación», afirmou o vicepresidente.
Regueira salienta o esforzo investidor da Deputación fronte a Xunta e o Goberno estatal na presentación dos orzamentos provinciais para 2025

A Deputación da Coruña superará en 2025 o financiamento aos concellos que a Xunta repartirá en toda Galicia. Afirmouno Xosé Regueira na presentación dos orzamentos provinciais para o vindeiro exercicio: 240,5 millones de euros, un 8,26 % más que en 2024. Deles, 105,4 millóns destinaranse ao Plan Único, e 19,4 millóns, ao anticipo das liñas de subvencións, que repercutirán en 1600 empregos.

Nunha rolda de prensa na que estivo acompañado polo presidente e mais o deputado de Ecomomía, Facenda e Avance Dixital, Valentín González Formoso e José Ramón Rioboo, Regueira defendeu o modelo de orzamentos que o BNG quere para a configuración da política municipal da provincia e que, dixo, «deben constituír o instrumento fundamental para que nun futuro inmediato os concellos coruñeses se atopen coa ferramenta básica para ordenar o seu propio orzamento». «E grazas ao esforzo da Deputación, con este financiamento extraordinario e histórico, as entidades locais da provincia estarán, a partir da semana que vén, nun escenario favorable».

O vicepresidente deu unha das claves, para el, dese esforzo, en relación co que fan outras administracións; nomeadamente, a Xunta e o Goberno do Estado: «En 2025 imos financiar os concellos con 105 millóns, do total de 240,5; máis recursos, proporcionalmente, dos que destina a Xunta de Galicia, que aprobará un orzamento de, polo menos, 11 500 millóns». «O esforzo investidor», engadiu, «non debería ter comparación, pero sitúanos en cantidades moi semellantes, só que nós repartiremos os cartos entre 93 concellos, e a Xunta, entre 313».

«Se, nun momento dado, desaparecese o labor de formento da Deputación da Coruña no ámbito territorial da provincia», abundou Regueira, «seguramente caería a maioría dos tecidos cultural e deportivo, onde, detrás de cada actividade, hai un labor de fomento por parte desta administración». «E xa non digamos», engadiu, «o labor de planificación e de investimento dos concellos: se collemos os 93 concellos coruñeses, e lle quitamos as cidades e as grandes obras hidráulicas da comunidade autónoma, as máis de mil obras públicas que se fan na provincia teñen detrás o apoio da Deputación».

Insistiu o vicepresidente en que os municipios son os grandes beneficiarios dese esforzo investidor da institución provincial, en relación con que reciben doutras administracións: «A Deputación sempre traballa polos concellos, moitas veces infrasubvencionadas polas outras administracións». «O gran déficit da política estatal», rematou, «é non ter debidamente adecuado o financiamento local e non tratar os municipios como administracións adultas. E o éxito da Deputación e dos nosos orzamentos é suplir ese case desinterese da Xunta e do Estado polos concellos, especialmente polos máis pequenos: dificilmente poderían sobrevivir sen o apoio do Plan Único da Deputación, que nos sitúa no ámbito das administracións públicas que máis financian a política municipal».

Regueira salienta o esforzo investidor da Deputación fronte a Xunta e o Goberno estatal na presentación dos orzamentos provinciais para 2025