O coworking comarcal de Moeche intégrase na Rede de Espazos de Traballo Colaborativo da Deputación
O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, visitou esta mañá, acompañado da alcaldesa de Moeche, Beatriz Bascoy Maceiras, do alcalde de San Sadurniño, Secundino García Casal, do alcalde de Valdoviño, Alberto González Fernández , do alcalde de Cerdido, Benigno Galego Castro, e da deputada provincial Ana Lamas, o centro comarcal de desenvolvemento rural "A Fusquenlla", que pasa a integrarse na Rede Provincial de Espazos Coworking posta en marcha pola Deputación no marco do Plan de Emprego Local (PEL).
A Deputación cofinanciou, xunto cos concellos mencionados, as obras de rehabilitación e acondicionamento desta antiga nave de queixos do recinto feiral de San Ramón, no concello de Moeche, para transformala nun centro de traballo colaborativo de ámbito comarcal orientado á elaboración, transformación e venda de produtos agroalimentarios. O novo centro dará servizos a pequenos produtores locais da comarca, axudándolles a crear máis valor para os seus produtos, e contará con 15 módulos de traballo: 5 na liña do mel, 6 na sección de zumes e vexetais e 4 nas zonas comúns.
Para a rehabilitación e o acondicionamento deste novo espazo de traballo colaborativo destináronse un total de 157.162,35 euros, dos que 103.545,99 € (o 65% do total) foron financiados pola Deputación.
Este coworking de carácter supramunicipal súmase así a Rede Provincial de Espazos de Traballo Colaborativo, da que xa forman parte os concellos de Oleiros, Brión, Ames, Carballo, Boiro e A Capela, que tamén contan con centros de de traballo colaborativo especializados en diferentes sectores estratéxicos no seu territorio.
"Esta é a aposta que facemos desde a Deputación, creando unha gran rede de espazos de traballo colaborativo sectoriais, especializados nun determinado ámbito profesional, un modelo único no país", detallou o presidente provincial, que incidiu na importancia de que os centros "aproveiten o potencial e as particularidades propias de cada territorio" e ademais "fomenten sinerxias" e entre emprendedoras e emprendedores dun sector determinado.
"Este será o oitavo centro da Rede Provincial grazas ao esforzo compartido de varios concellos e nel o sector primario será o protagonista", afirmou González Formoso, que espera que o coworking "ofreza oportunidades para os que queiran incorporarse ao mundo rural"
O centro comarcal de desenvolvemento rural A Fusquenlla dedicará a maior parte da súa actividade á transformación de produtos agrícolas para a obtención de mel, zumes, conservas vexetais, un modelo similar ao que se aplica xa con éxito no coworking de Brión, tamén especializado no sector primario e concretamente na transformación de produtos da horta e o agro
Na práctica será unha pequena planta de transformación e envasado de alimentos dotada de todo o necesario para garantir a calidade do produto final e unha absoluta seguridade alimentaria. "Dentro haberá un autoclave, cámara frigorífica, un tanque de lavado, unha zona de procesamento, unha deshidratadora, etiquetadora, prensa, espazo de almacén e incluso un grupo electróxeno especial", enumerou a alcaldesa de Moeche, Beatriz Bascoy, quen destacou tamén a "vocación comarcal" dun centro no que tamén participan San Sadurniño, Valdoviño e Cerdido, "que contan con moitos pequenos produtores que acoden ás nosas feiras e que tamén estarían interesados en facer aquí as súas elaboracións".
O edificio conta, ademais, cunha grande cociña industrial, lavalouzas, equipamento de esterilización e envasado que permitirá producir conservas e zumes cumprindo coa normativa sanitaria e de trazabilidade. Completan a reforma e dotación da antiga nave dos queixos varios espazos dedicados a oficinas, aseos e vestiarios.
Este centro é unha estrutura de acollida temporal pensada para ofertar un lugar de traballo ás persoas emprendedoras que comezan a súa andaina no mundo empresarial, acompañalos e prestarlles servizos adaptados ás necesidades de cada proxecto, co fin de que se facilite o desenvolvemento xerminal de iniciativas innovadoras de interese comarcal. Considerando que un dos motivos recoñecidos como dificultade para a creación de empresas é a falta de instalacións e financiamento, a través deste coworking se quere favorecer especialmente á mocidade emprendedora, ofrecerlle unha saída profesional necesaria para fomentar un sentimento de seguridade e capacitación laboral, do mesmo xeito que se retén o talento local e se evita o despoboamento.
O centro, cun marcado carácter supramunicipal, ten como obxectivo favorecer o desenvolvemento e benestar dos catro concellos promotores baseándose na colaboración público-privada para o fomento do espírito emprendedor, a creación de empresas, a mellora da competitividade e a colaboración interempresarial.
Agora os seguintes pasos a dar son os relacionados coa xestión e posta en marcha do centro. Os catro alcaldes dos municipios promotores reuniranse para analizar diversos modelos de xestión, licenzas e procesos formativos en orde de escoller os que máis se adecúen ás necesidades do espazo.
Agárdase que este centro de traballo colaborativo funcione a pleno rendemento de cara a finais deste verán, dando resposta á demanda de numerosos produtores agrícolas da contorna, sector estratéxico para o desenvolvemento rural da provincia.
Rede Provincial de Espazos de Traballo
O centro comarcal de desenvolvemento rural A Fusquenlla súmase á Rede Provincial de Espazos de Traballo Colaborativo que actualmente integran o Pazo de Arenaza en Oleiros, o coworking do Fórum de Carballo, Transformando en Brión, o coworking da Capela, o coworking A Proa en Ames e o Emprende-LAB Barbanza de Boiro.
Os distintos centros adheridos á Rede Provincial funcional a nivel supramunicipal, dando servizo non só ao concello no que se emprazan, senón tamén en concellos circundantes, atendendo a criterios de eficiencia.
O Plan de Emprego Local impulsado polo Goberno da Deputación da Coruña continúa a apostar polo desenvolvemento socioeconómico da provincia a través da creación de emprego e o apoio ao tecido empresarial.
Visita a Lácteos Moeche
Valentín González e Beatriz Bascoy visitaron tamén durante a xornada de hoxe a empresa Lácteos Moeche, dedicada desde hai máis de medio século á fabricación de queixos.
A factoría produce diversos tipos de queixos, todos eles elaborados con leite de granxas de proximidade .