Couto salienta a importancia do modelo cultural que o BNG desenvolve na Deputación: "Propio, baseado na lingua como piar irrenunciable e con capacidade de transformación social"
Xurxo Couto, a quen acompañaron o presidente provincial, Valentín González Formoso, e parte da corporación, encabezou onte a gala dos galardóns culturais da Deputación, na que se homenaxearon as 31 persoas e entidades premiadas nas convocatorias de 2020 e 2021.
Couto puxo en valor o apoio que a Deputación vén prestando á creación artística, a través da convocatoria dun amplo repertorio de premios en diferentes ámbitos e disciplinas, ás que este ano se lle engaden as convocatorias para as residencias artísticas no Pazo de Mariñán. “Este apoio nin é anecdótico nin é un mero ornamento”, asegurou o deputado. “É unha liña de traballo estable e sólida. Unha liña de traballo que implica a preto de 150 persoas remuneradas porque, non nos cansamos de reivindicalo, todos os eidos do sistema cultural teñen que ser tratados profesionalmente”.
“A Deputación da Coruña”, explicou, ”ten un modelo cultural propio baseado na confianza e no orgullo de termos unha cultura de noso, que nos diferencia como pobo e que nos sitúa no mundo en pé de igualdade con outras culturas”. Mencionou tamén os tres eixos nos que se fundamenta a política cultural da institución provincial: a lingua, á que cualificou como “o noso gran tesouro identitario e piar irrenunciable no noso modelo cultural”; unha visión da cultura “con capacidade de transformación social, para avanzar en cuestións básicas para a cidadanía como a igualdade, a cohesión social ou a inclusión”; e o territorio, “tecendo redes desde a proximidade, da man de concellos, entidades e colectivos e creadores e creadoras”.
As actrices Carmen Méndez e Lidia Veiga presentaron a gala, na que actuarono contador Celso F. Sanmartín e Son Trío (Su Garrido Pombo, voz; Katerina Linke, piano, e Susana Blanco, cello. Todas as persoas premiadas recibiron unha escultura para a ocasión pola artista Soledad Penalta.