Xurxo Couto puxo en valor a Rede Cultural da Deputación da Coruña na última xornada este ano de ‘A cultura é un dereito’
O deputado lembrou que a través deste programa da área de Cultura da Deputación se destinan uns 2 millóns de euros anuais a cofinanciar a programación dos concellos e das entidades sen ánimo de lucro, "contabilizando ao redor de 2500 actuacións ao ano e dando lugar a un espazo de traballo moi relevante para os sectores profesionais da cultura galega".
Xurxo Couto puxo en valor a Rede Cultural da Deputación da Coruña na última xornada de 2022 de ‘A Cultura é un Dereito’, que se está celebrar hoxe no Pazo da Cultura de Carballo.
O deputado lembrou que a través deste programa, o seu departamento destina uns 2 millóns de euros anuais a cofinanciar a programación dos concellos e das entidades sen ánimo de lucro, "contabilizando ao redor de 2500 actuacións ao ano e dando lugar a un espazo de traballo moi relevante para os sectores profesionais da cultura galega".
Couto tamén puxo enriba da mesa a necesidade de "contar cun organismo coordinador dos axentes institucionais, que repercuta no fortalecemento das programacións, na simplificación do mapa de axudas e subvencións e no desenvolvemento de estratexias comúns de creación de públicos". "A colaboración entre administracións", engadiu, "pode darse en moitos ámbitos; sería interesante, por exemplo, que o premio Rafael Dieste da Deputación da Coruña, que premia un texto dramático e financia a súa montaxe como espectáculo, puidese presentarse na feira do teatro ou garantir un itinerario mínimo de funcións nas sete cidades e principais festivais, como Carballo ou Ribadavia".
Co título de "XX anos de Escena Galega. Retos do asociacionismo profesional como un dos eixes vertebradores do sector escénico galego", o Pazo da Cultura carballés acolle hoxe o peche do programa 'A Cultura é un Dereito'. Organizada pola área de Cultura da Deputación da Coruña en colaboración con Escena Galega e comisariada por Diego Meizoso, foi inaugurada por Couto, polo concelleiro de Cultura de Carballo, Marcos Trigo, e polo presidente de Escena Galega, Santiago Cortegoso.
O responsable provincial de Cultura participou ademais na primeira das mesas redondas da xornada, baixo o título "A circulación escénica en Galicia. Posibilidades de mellora e artellamento de accións combinadas para contextos non urbanos", moderada por Eva Alonso, da xunta directiva de Escena Galega. Couto compartiu mesa coa vicepresidenta da Deptudación de Lugo, Maite Ferreiro; a deputada de Cultura da Deputación de Pontevedra, Victoria Alonso, e a deputada de Cultura da Deputación de Ourense, Patricia Torres.